Domingo 22 de Setembro de 2019

Monicreques de Kukas e Títeres Cachirulo protagonizan o XIX Festival de Títeres de Brión


As actuacións terán lugar o venres 2 e o sábado 3 de xaneiro, ás 17:00 horas, no centro social polivalente. Entrada libre e de balde

O centro social polivalente de Pedrouzos acollerá o XIX Festival de Títeres de Brión, que terá lugar o venres 2 e o sábado 3 de xaneiro a partir das 17:00 horas. Un evento totalmente gratuíto dirixido a toda a familia, xa que cos monicreques disfrutan por igual pequenos e grandes.

O venres 2 de xaneiro, Monicreques de Kukas presentan a obra “Xan Perillán e a maleta máxica”, unha historia na que Xan Perillán gaña nunha rifa unha viaxe á Pernambuco. Pero, como descoñece onde queda ese lugar, precisará da axuda dos pequenos de Brión para localizalo. Marcelino de Santiago protagoniza este espectáculo, que mestura o clown e a pantomima coa maxia dos monifates.

E para o sábado 3 de xaneiro o Concello de Brión ten programada a actuación de Títeres Cachirulo, que representará “A figueira do Demo”. Trátase dun espectáculo baseado na obra “Romance dos Figos de Ouro”, de Roberto Vidal Bolaño, autor moi aprezado no municipio. O espectáculo reúne monicreques de gran tamaño feitos en madeira, evocando as imaxes do románico mesturadas con fortes expresións e unha evocación o mundo da infancia.