Venres 10 de Xullo de 2020

A Deputación e EspazoCoop (Unión de Cooperativas Galegas) valoran as posibilidades que ofrece a economía social para a xeración de emprego na provincia


A Deputación e EspazoCoop (Unión de Cooperativas Galegas) valoran as posibilidades que ofrece a economía social para a xeración de emprego na provincia
O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, reuniuse hoxe coa presidenta e o xerente de EspazoCoop (Unión de Cooperativas Galegas), Ana Olveira e Tino Gago, para valorar as posibilidades que ofrecen as fórmulas de economía social para a xeración de emprego na provincia.

Algunhas das cuestións formuladas durante a esta reunión de traballo foron a necesidade de dar a coñecer fórmulas cooperativas que favorezan a formación e acompañamento de proxectos de emprendemento colectivo.

Algún dos obxectivos desta colaboración serían dar a coñecer as posibilidades que ofrecen fórmulas de economía social para a xeración de emprego principalmente entre a xente nova, xerar novos postos de traballo de calidade vinculados á economía social, impulsar novos proxectos empresariais que teñan como destinatarias principais ás persoas novas do ámbito rural da provincia.

Jose Ramón Rioboo destacou que estes obxectivos están aliñados coa prioridade transversal do goberno provincial, a creación de emprego, que está sempre presente na planificación dos diferentes programas e proxectos das diversas áreas de actuación.

Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos, que teñen como obxectivo agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Como entidade de referencia no ámbito do cooperativismo galego, Espazocoop traballa no marco da economía social e solidaria, con vocación de influencia na sociedade e de transformación social, consolidando os valores e principios cooperativos e colaborando na consecución dunha economía baseada na primacía das persoas, o desenvolvemento sostible e a responsabilidade social.