Xoves 09 de Abril de 2020

A Deputación da Coruña colaborará na renovación do material das agrupacións de Protección Civil da provincia


O deputado Blas García reuniuse coa Asociación Provincial de Protección Civil

O deputado de Promoción Económica, Blas García, reuniuse esta mañá no seu despacho da institución provincial cos representantes da Asociación Provincial de Protección Civil, Olivia García, José Luis Barca e Ramón Pérez Barrientos, aos que informou dos plans do Goberno provincial para colaborar na dotación de material ás agrupacións dos concellos de menos de 50.000 habitantes.

García explicou que a Deputación incrementa este ano as liñas de dúas axudas para agrupacións de voluntarios de Protección Civil e que este ano as dotará directamente de material coma scooters de menos de 125 cc, bicicletas ou equipos de telecomunicacións. A maiores, segundo explicou o deputado, estudarase a posibilidade de incluír tamén equipos de rescate e salvamento acuático.

Blas García destacou o importante labor que fan os e as voluntarias de Protección Civil da provincia, xa que colaboran de xeito altruísta en infinidade de accións vinculadas con accidentes ou emerxencias, pero tamén na coordinación e vixilancia de eventos que se organizan desde os concellos e que contan coa colaboración da Deputación.

«É necesario pór en valor o traballo destas persoas. A intención da Deputación é ofrecer unhas axudas que sexa útil para as agrupacións e que lles permitan dotarse do material que realmente precisan para facer o seu labor», afirmou.

Durante a reunión presentouse tamén a posibilidade de que a Deputación e a Asociación de Agrupacións de Protección Civil colaboren na organización de cursos específicos de formación e preparación do voluntariado.