Xoves 09 de Abril de 2020

Galicia rexistra un total de 567 casos infectados por coronavirus


  • O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 567, deles 152 son da área da Coruña, 46 da de Lugo, 63 da de Ourense, 83 da de Pontevedra, 108 da área de Vigo, 94 da de Santiago, e 21 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 19 permanecen en UCI, 137 están en unidades de hospitalización e 411 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 5 altas de pacientes e 6 falecementos. O último falecido foi un varón de 89 anos, con múltiples patoloxías complexas previas, que estaba ingresado no Hospital de Monforte.

Seguindo instrucións do protocolo de comunicación do Ministerio de Sanidade, só se actualizarán os datos unha vez ao día.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.