Sábado 06 de Xuño de 2020

Moeche confirma un contaxiado de coronavirus e activa a trazabilidade dos seus movementos para alertar ás persoas que puidesen ter contacto con el


As autoridades sanitarias confirmaron esta mañá a detección dun caso de coronavirus en Moeche. Trátase dun home de idade avanzada que acudiu a unha cita concertada no Centro de Saúde por mor de problemas abdominais que viña arrastrando desde hai tempo. Debido a eses problemas, desde o centro médico recomendouse o seu traslado ao CHUF Arquitecto Marcide, onde as probas que se fan por protocolo detectaron que, ademais, tamén estaba infectado por coronavirus, polo que está sendo atendido en planta e en rexime de illamento.

O home vive só nun lugar sen casas próximas, válese por si mesmo e, segundo confirmou un familiar, fai pouca vida social en Moeche.

Tan pronto como se confirmou o seu positivo por coronavirus, os responsables do Centro de Saúde ordenaron a desinfección do interior das instalacións, mentres que o Concello colaborou na hixienización do exterior e das vías de acceso.

Ademais tamén se lle ofreceu colaboración ao SERGAS para trazar os desprazamentos que fixo o afectado nos últimos días, co obxectivo de comunicarlles a todas as persoas que puidesen ter contacto con el a necesidade de extremar as precaucións e de que inicien de inmediato unha corentena domiciliaria.

Por outra banda, o Goberno local tamén lle pediu á Xerencia da Área de Ferrol información detallada sobre os protocolos de protección na residencia xeriátrica O Casón, onde o Concello fixo hai uns días unha desinfección exterior e onde, de momento, non hai constancia de ningún positivo.

Nerviosismo entre a veciñanza
Trala publicación nas redes sociais da información sobre o primeiro positivo en Moeche, o Concello e o Centro de Saúde recibiron ducias de chamadas tentando saber cal era a súa identidade. O consistorio viuse na obriga de publicar un novo comunicado indicando que nin a Administración local nin o SERGAS estaban autorizados a facilitar ese dato e solicitándolle ao mesmo tempo á veciñanza que deixase libres as liñas municipais e a do centro médico, que nestes momentos ten no teléfono a única vía para ofrecer consultas, a menos que se trate de cuestións urxentes.

Desde o Concello insístese en que «todas e todos debemos respectar as medidas de confinamento para frear o avance do virus» e engádese como «moi importante» agardar a que se facilite información oficial «e non deixarse levar por bulos e informacións malintencionadas que só alimentan a alarma nun momento en que deben imperar a tranquilidade, a responsabilidade e o sentido común».

Recórdanse unha vez máis as prevencións básicas, como son a de lavar as mans frecuentemente, non levalas ao nariz nin á boca, esbirrar e tusir nun pano desbotable ou contra o interior do cóbado e, a principal: saír da casa só se é imprescindible (facer compra de alimentos e produtos básicos, ir á farmacia, ir buscar cartos e ir ou volver do traballo).

O consistorio tamén incide en que se se sofre algún síntoma coincidente co da COVID-19 -febre, tose ou dificultade para respirar- ha de chamarse ao 900 400 116, nunca acudir ao centro de saúde nin ao hospital. Se os síntomas se agravan deberase chamar ao 061.