Sábado 06 de Xuño de 2020

O Concello e a Confraría unen forzas para solicitarlle ao Ministerio de Pesca medidas de protección para a flota durante a crise sanitaria


O alcalde, Walter Pardo, remitiu un comunicado a Luis Planas, ministro de Pesca e Agricultura.
O Concello de Malpica e a Confraría de Pescadores malpicá
unen forzas para solicitarlle ao Ministerio de Pesca medidas de protección para a flota
durante a crise sanitaria provocada polo COVID-19. O alcalde, Walter Pardo, e o
Patrón Maior, Pedro Pérez, escribiron ao ministro de Pesca, Luis Planas.
O rexedor malpicán advirte de que “a pesca forma parte da cadena alimenticia e o
peixe é un ben de primeira necesidade, pero as técnicas de pesca de baixura non
ofrecen seguridade aos traballadores, e cremos que as embarcacións de pesca artesá
deberían ter posibilidade de acollerse a un ERTE”, afirma Pardo.
A esta circunstancia vencéllase tamén a caída do prezo do peixe, derivada
fundamentalmente do peche dos establecementos de hostalería e restauración, así
como do confinamento da poboación.
“Non é a nosa intención engadir un problema máis á complexa situación que lle
corresponde xestionar estes días, pero transmitímoslle a situación límite que está a
vivir a nosa flota, tanto pola ausencia de condicións de seguridade como pola mala
rentabilidade”, din o alcalde e o Patrón Maior.