Martes 02 de Marzo de 2021

A Universidade da Coruña comeza a colaborar co concello no programa de voluntariado municipal


 

As persoas voluntarias da UdC súmanse aos 531 voluntarios e voluntarias cos que xa conta o Dispositivo especial de voluntariado da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación

O voluntariado da Oficina de Cooperación e
Voluntariado da Universidade da Coruña comeza a colaborar no dispositivo que, con
motivo do COVID-19, puxo en marcha o Concello da Coruña para asistir
presencialmente facéndolles recados a persoas con especial vulnerabilidade e
mobilidade reducida e para atender as chamadas da liña telefónica gratuíta
“Acompáñote”, que axuda a combater a soidade durante o confinamento.
A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación ofrécelle á institución
educativa a detección das necesidades que a veciñanza presenta durante o estado
de alarma. Pola súa banda, a UdC préstalle ao concello os servizos das persoas
voluntarias da súa Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) para que se sumen
aos 531 voluntarios e voluntarias cos que xa contaba até o momento esta
Administración local. Deste xeito, o voluntariado da UdC pasa a realizar os mesmos
servizos que están a desempeñando as persoas voluntarias do Dispositivo especial
de voluntariado da Concellería de Benestar Social.