Xoves 09 de Xullo de 2020

O Concello de San Sadurniño insiste en recordar as medidas preventivas que debe adoptar a veciñanza


O consistorio recibiu esta mañá o primeiro envío autonómico de material de protección para o seu persoal

 

Os datos sobre falecementos, contaxios e medidas decretadas polo Goberno están ocupando nos últimos días as portadas e páxinas interiores de todos os medios, xunto con todas as historias humanas que rodean o confinamento sanitario. Débese informar e débese facer con rigor, e nós debemos informarnos para sermos conscientes da gravedade da situación e actuar de maneira responsable adoptando no noso día a día todas esas recomendacións que xa non son tan noticia pero que seguen sendo a parte máis importante da loita. Referímonos ás medidas hixiénicas, a saír da casa só para o básico (e con racionalidade) e ás precaucións que se deben tomar se notamos algún síntoma. Volvamos repasalas.

En canto á hixiene é importante lavar ben as mans e varias veces no día, usando auga e xabón ou algún xel hidroalcólico. Se se tuse ou se estornuda, hai que facelo contra un pano de papel ou ben contra a parte interior do cóbado. Non refreguedes os ollos, á boca ou ao nariz a menos que teñades as mans moi pero que moi limpas. Isto debemos facelo aínda que non saiamos da casa.

Hai que respectar o confinamento. E iso significa que nin nós podemos saír, nin tampouco que nos veñan visitar á casa familiares ou amizades que, en teoría, tamén deben permanecer nos seus domicilios. Por outra banda, só podemos saír da casa por razóns imprescindibles e xustificadas: ir ao médico se temos cita concertada -só se no Centro de Saúde consideran que debemos pasar por alí-, ir buscar medicamento á farmacia e facer compras de produtos básicos: alimentos, produtos de hixiene e limpeza, etc.

Tanto se imos á farmacia como se nos achegamos ao súper ou á nosa tenda habitual, debemos atender as indicacións preventivas do persoal deses establecementos, como por exemplo facer cola fóra e cunha separación mínima de 1,5 metros, acceder ao local só cando nolo indiquen e, unha vez dentro, seguir gardando as distancias con respecto a outras persoas.

Ao súper debemos acudir coa lista da compra feita da casa e incluír nela só o que precisemos realmente e en cantidade suficiente para as nosas necesidades durante varios días. Iso é moi distinto de facer acopios masivos de productos que, se cadra, non necesitamos ou non na cantidade que botamos no carro. Recordade que hai practicamente de todo, pero debemos pensar en quen veña facer a compra despois de nós.

É importante tamén non andar tocando as cousas: miramos, eliximos e, despois de pensar se o necesitamos, collemos o produto. Usade luvas -guantes- postas sobre as mans moi limpas, que despois deberedes retirar con coidado para tiralas na papeleira ou no colector verde, non no amarelo (nin tampouco as estredes pola rúa). Lavade ou desinfectade as mans de novo.

Se podedes, pagade usando a tarxeta ou o móbil e procurade manter sempre ese metro e medio de separación con respecto a quen vos cobre ou quen vos atenda no establecemento.

Recordamos que as mascarillas convencionais -as de tipo cirúrxico que leva a maioría da xente- non nos garanten protección ante contaxios. É máis, incluso poden ser contraproducentes se non se utilizan ben ou se reutilizan. Segundo a OMS, o coronavirus só se contaxia por inhalar pingas da tose ou dos estornudos de persoas infectadas, ou ben por andar topando superficies onde puidesen caer esas pingas e despois tocar os ollos, a boca ou o nariz sen ter as mans perfectamente limpas. Segundo parece, o coronavirus non é algo que estea flotando no aire e que poidamos pillar só por respirar.

Recordade que podemos ter o coronavirus e non chegar a padecer os síntomas da COVID-19 (a enfermidade causada polo virus). En calquera caso, os sinais comúns descritos polas autoridades sanitarias son: cansanzo, febre -poden ser só unhas décimas-, tose seca e certa dificultade para respirar.

Se notamos algún destes síntomas leves, en primeiro lugar deberemos manter a calma e non acudir nin ao centro de saúde nin tampouco ao hospital. En vez diso hai que chamar ao 900 400 116 para que nos dean as indicacións precisas. Só en casos de síntomas máis graves ou outras urxencias deberemos chamar ao 061. Se dentro dese protocolo de atención do SERGAS detectan que damos positivo por coronavirus e determinan que debemos permanecer en corentena na casa, cómpre adoptar tamén medidas hixiénicas máis estrictas que o simple lavado de mans.

Un positivo domiciliario debe evitar calquera contacto co resto da familia, ata o punto de permanecer só nunha habitación con boa ventilación -se é posible con baño para si- e de reducir ao imprescindible a súa presenza en espazos comúns da vivenda, sempre afastado alomenos 2 metros de calquera outra persoa da familia. Mellor que sexa unha única persoa quen atenda as súas necesidades (levarlle a comida, lavarlle a roupa e a louza, etc.), e debidamente protexida con luvas. A persoa confinada ten que xestionar os seus propios resíduos meténdoos nunha bolsa que despois ha de pecharse e introducila nunha segunda bolsa tamén pechada que se debe botar no colector do xenérico. Iso si, estar en corentena nunha habitación non significa estar en rexime de incomunicación. Por iso, é imprescindible que teña canda si o teléfono para poder pedir o que precise e para falar co resto da xente da casa ou con outros familiares.

Chegan a San Sadurniño os equipamentos de protección
E mentres facemos estes recordatorios de vital importancia -insistimos, de vital importancia- o Concello segue mantendo a súa actividade dentro das circunstancias excepcionais en que vivimos. Establecéronse quendas nos servizos administrativos, a recollida do lixo segue funcionando coma sempre e reforzouse a coordinación na área de Servizos Sociais, que continúa ofrecendo todos os servizos asistenciais, como son a atención familiar e á emerxencia social e tamén as prestacións domiciliarias do SAF.

Un labor que se desenvolve no medio de estrictos protocolos de prevención de contaxios e por medio de material de protección individual e desinfección do que o Concello se foi aprovisionando nos últimos días acudindo a distintos provedores. Hoxe, dez días despois de solicitalo, chegou o primeiro envío de material proporcionado polo SERGAS, que está acusando o mesmo problema de subministración que hai nestes intres en practicamente todo o mundo.

No paquete de EPI’s destinados ao SAF e á brigada de Obras e Servizos chegaron 70 batas desbotables, 14 buzos de polipropileno de distintas tallas, 300 luvas de nitrilo, 350 máscaras cirúrxicas, 7 frascos de xel hidroalcólico de medio litro e unha garrafa de 5 litros de desinfectante clorado concentrado que dá para 250 litros de líquido co que tratar distintos espazos públicos.

Trátase dun material «moi necesario» que cobre as necesidades municipais «para uns días», tal e como comentou Secundino García. Porén, o alcalde tamén se mostrou esperanzado en que a partir de agora, e coa chegada dos novos cargamentos adquiridos pola Xunta e o Estado, «a subministración poida irse regularizando e manténdose no tempo que dure esta crise sanitaria».