Venres 05 de Xuño de 2020

A Deputación da Coruña inviste 3 millóns de euros para crear 428 empregos nos concellos da provincia


O programa PEL-Concellos creou preto de 2.000 postos de traballo desde a súa creación e permitirá que 428 persoas máis accedan a un emprego no seu municipio este ano

 

A Deputación da Coruña inviste 3 millóns de euros para crear 428 empregos nos concellos da provincia
A Deputación da Coruña vén de aprobar a concesión das axudas do programa PEL-Concellos 2020. Cun investimento próximo aos 3 millóns de euros, esta liña do Plan de Emprego Local (PEL) permitirá aos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes contratar a un total de 428 persoas en situación de desemprego durante un período dun ano para a prestación de servizos municipais básicos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou que o programa será especialmente útil este ano xa que ademais de “ofrecer unha oportunidade laboral centos de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego nun contexto social e económico tan difícil coma o actual”, o persoal contratado “permitirá aos concellos afrontar labores que van ser fundamentais na loita contra a covid-19 coma a limpeza de rúas e espazos públicos ou a recollida e tratamento de residuos”.

A pesar da suspensión dos prazos administrativos desde a declaración do estado de alarma, a Deputación axilizou a concesión das axudas, xa que os concellos que podían optar ao PEL-Concellos xa tiñan presentadas as súas solicitudes e o Goberno provincial priorizou desde o primeiro momento da crise tanto os investimentos na área social como a activación de todos os plans e medidas que contribúan ao mantemento do emprego e a reactivación económica da provincia.

Os concellos recibirán entre 19.000 e 52.000 euros

Os importes da subvención que han recibir os concellos varía en función da porcentaxe de persoas desempregadas coas que conta cada municipio, oscilando as contías que se van percibir entre os 19.000 e os 52.000 euros. Coa súa asignación do PEL- Concellos, os municipios coruñeses poderán financiar os custos salariais e de seguridade social derivados da contratación de novo persoal, ademais dos derivados das indemnizacións de fin de contrato e os correspondentes aos cursos de formación en materia de riscos laborais que deban realizar as persoas contratadas segundo a lexislación laboral vixente.

Os operarios e operarias, que deberán ser contratados cunha xornada mínima semanal de 25 horas, realizarán labores como recollida e tratamento de residuos, limpeza de rúas, estradas e espazos públicos, mantemento da rede de sumidoiros e alumeado público, melloras nos accesos aos núcleos de poboación e pavimentación de camiños ou mantemento de parques e xardíns públicos.

Primar as persoas con dificultades de inserción laboral

Resulta destacable o “carácter social” destas axudas, xa que as persoas que van contratar os concellos deberán estar en situación de desemprego na data de inicio do proceso selectivo e valorarase que pertenzan a determinados colectivos con maiores dificultades para acceder a un emprego.

A Deputación esixe como requisito nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados pola lacra do desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Ademais, dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.