Venres 05 de Xuño de 2020

O Foro Turismo Covid19 aborda o reto dos concellos para ofrecer seguridade e confianza TURISMO 01 de Maio de 2020


Persoal técnico municipal destaca a relevancia da profesionalización para adaptar os destinos ás exixencias sanitarias

Seguridade e confianza serán as claves para que dar pasos adiante na saída da crise provocada pola COVID19 no turismo e preséntanse tamén como os principais retos dos concellos segundo transmitiu o persoal técnico das áreas municipais que participaron no Foro Turismo Covid19 organizado pola Deputación da Coruña. O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, defendeu que a contratación de profesionais vai ser fundamental para a revitalización do turismo con garantías sanitarias.

A segunda xornada do Foro Turismo Covid19 que organiza a área de Turismo da Deputación da Coruña centrou o debate na xestión municipal da crise do coronavirus coa participación da axente de Desenvolvemento Local do Concello de Vimianzo, Rosa Sánchez; a técnica de turismo do Concello de Betanzos, Elena Carro; a técnica de turismo no concello de Dumbría, Ada González; o técnico de turismo de Vimianzo, Ángel Arcay,; o consultor, docente e técnico de Turismo no Concello de Noia, Ignacio Fernández Dosil; a técnica de turismo do concello de Carballo, Maite Parga e o ex director xeral de Política Turística do Ministerio de Transportes e ex-concelleiro de Turismo de Santiago de Compostela, Francisco Candela, nunha sesión coordinada polo vicepresidente e deputado da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

«O sector turístico precisa máis que nunca persoal técnico cualificado por iso, desde a Deputación da Coruña, consideramos que é fundamental a nosa liña de axudas para a contratación de profesionais nos concellos e a de apoio aos entes de xestión, convocatorias ás que se destinan case dous millóns de euros», sinalou na súa intervención inicial Xosé Regueira que destacou tamén a urxencia de coordinar forzas entre as administracións e o sector privado para a revitalización dun sector clave para a economía que supón 125.000 postos de traballo na Coruña.

Alertou tamén das dificultades coas que o sector turístico se atopa neste momento, cunha situación de catástrofe e distanciamento social que «non encaixa ben coas necesidades do turismo de atraer xente» e puxo así sobre a mesa un dos temas centrais do debate que foi a maneira de encaixar a pandemia coa rendibilidade do turismo.

A saúde, unha prioridade

Na balanza do negativo situou a axente de Desenvolvemento Local do de Vimianzo, Rosa Sánchez, o medo e a incerteza co que se enfronta o sector e na do positivo os desexos de romper o encerro e visitar outros territorios. «Imos ter que enfrontarnos á distancia social nun contexto en que están en auxe as viaxes de proximidade a zonas rurais con gran preocupación pola seguridade», dixo. Neste sentido, destacou que a promoción da Costa da Morte como destino seguro nunha acción na que participan os concellos da comarca supón enfrontarse ao reto dos novos tempos coa primeira das esixencias que é a das garantías sanitarias. Na mesma idea manifestouse a técnica de turismo do concello de Dumbría, Ada González que partiu da idea de que «só haberá ocio se hai saúde» para condicionar o futuro do sector ás garantías de seguridade dos destinos.

Con ese obxectivo, Elena Carro, técnica de turismo do Concello de Betanzos, fixo fincapé tamén nos beneficios da contratación de persoal técnico para planificar, diversificar os produtos, analizar a situación e aplicar os protocolos que impulsen as autoridades sanitarias.

Adaptar os produtos á nova situación, con oferta de espazos ao ar libre de grandes dimensións e sen aglomeracións, visitas guiadas, e coordinación entre administracións foron algúns dos puntos da intervención do técnico de turismo do Concello de Vimianzo, Ángel Arcay que situou tamén na garantía da saúde como a principal esixencia do momento.

O traballo conxunto das administracións foi igualmente unha das demandas defendidas polo consultor Ignacio Fernández Dosil, que urxiu aos concellos a se prepararen priorizando «a xestión por encima da promoción» e constituír unha rede de persoal técnico dos concellos para sumar forzas de cara o novo modelo que a pandemia está a impor.

Relevancia dos concellos na xestión do futuro

Neste panorama de incerteza, a técnica de Turismo de Carballo, Maite Parga, defendeu que o papel dos concellos ten que ser a protección e promoción dos recursos turísticos do territorio e planificación do proceso de recuperación para o futuro, centrando tamén a acción no apoio ás empresas turísticas locais. «Esta nova realidade vai levar a novo consumo que vai estar influenciado pola necesidade de seguridade dos cidadáns e non vai chegar con difundir a imaxe do destino seguro senón que é preciso ter a responsabilidade de que así o sexa, vai facer falta moita planificación e re-invención do sector», sinalou na súa intervención.

Tamén o experto en turismo, Francisco Candela, apuntou á necesidade do «reforzamento dos servizos públicos que vén reforzar o papel que os concellos van ter no desenvolvemento turístico, na configuración dun destino». «A pandemia produciu un colapso porque afecta á seguridade e ninguén vai ir a un sitio en que poida ter un risco físico co cal é inútil promocionalo», apuntou ao tempo que destacou tamén que a curto prazo a política turística municipal ten que orientarse a recuperar a confianza, en primeiro lugar da propia veciñanza, aplicando protocolos, con axudas específicas para a industria e actuando sobre os servizos públicos. «A principal preocupación vai ser a seguridade como elemento de elección dun destino», sinalou nun tempo que está levando tamén a repensar o modelo turístico en clave de sostenibilidade e participación.