Mércores 08 de Xullo de 2020

O concello de Ribeira recibe 4.000 mascarillas da Subdelegación do Goberno na Coruña


O Concello de Ribeira vén de recibir esta mañá un total de 4.000 mascarillas por iniciativa pola Delegación do Goberno en Galicia. Así, a súa subdelegada na Coruña, Pilar López-Riobóo, desprazouse ata a cidade barbanzá para facer entrega deste material, que foi recibido polo alcalde Manuel Ruiz.

A Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19 expresou o seu agradecemento tanto por esta doazón como pola efectuada por un establecemento local —A Tenda de San Martiño, situada na parroquia de Oleiros— que tivo a ben destinar produtos ao banco de alimentos.

A día de hoxe, o Concello xa ten distribuído máis de 44.000 mascarillas. Ademais, a Comisión procedeu a organizar o operativo para o reparto doutro material de protección (máscaras faciais e, no seu caso, pantallas separativas) entre negocios cuxa data de reapertura está prevista para o vindeiro 11 de maio, como poden ser perruquerias e establecementos de hostalería.

Anulación do mercadiño
No outra orde de cousas, o mercadiño na súa vertente agroalimentaria previsto para pasado mañá, sábado 9 de maio, queda anulado logo da comunicación das Forzas de Seguridade do Estado e a Delegación do Goberno sobre a non posibilidade de celebrar estas iniciativas na fase 0. Mantense o programado para o día 16, de tal xeito que a parte téxtil teña lugar na explanada portuaria e a de alimentación e plantas na praza de España.

Outro tema abordado hoxe foi a ampliación dos labores de desinfección a lugares de culto. Tamén se concretou o horario de apertura a partir do 11 de maio dos dous cemiterios municipais (Ribeira e Palmeira): será de 9 a 14 horas.

Pola súa parte, a Policía Local informou de que procederá a realizar controis nos accesos daqueles paseos e pasarelas nas que esta semana se estableceu a prohibición temporal de bicicletas tanto por cuestións de seguridade como de autoprotección e mantemento das distancias entre os usuarios.

Turismo activo
Un último punto tratado foi a dación de conta dos acordos aos que se chegou na reunión onte do grupo de traballo do turismo activo no marco do Plan Local de Desescalada. Dunha parte, vaise solicitar a Portos de Galicia o aprazamento ou supresión das taxas de amarre por embarcacións pertencentes a empresas turísticas. No mesmo senso, tomouse a decisión de instar á Demarcación de Costas a que dea facilidades de pago ou ben suprima as taxas por ocupación, así como facilidades para ampliación de espazos para colocación de “chiringuitos” e demais instalacións de cara á tempada de verán.