Sábado 15 de Decembro de 2018

Seis entidades aspiran ao novo contrato de limpeza pública urbana e recollida de residuos sólidos de Riveira


Concluído o período de presentación de ofertas, son seis as entidades que aspiran ao contrato de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e a xestión do punto limpo mediante concesión do Concello de Riveira.

O contrato terá unha duración de 12 anos e o orzamento base de licitación anual ascende a un total de 1.978.687,15 euros, IVE incluído. O procedemento de licitación é aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación.

No novo contrato o Concello de Riveira persegue unha xestión de residuos máis eficaz, a través de determinados aspectos como a introdución da carga lateral (con maior nivel de limpeza e menor risco de desborde), primando que o concesionario logre reducir as toneladas de bolsa negra, incluíndo a xestión de algas na recollida en praias (eliminando así este sobrecuste para as arcas municipais) e avogando por un maior compromiso social a través da valoración de que se incorporen empresas de economía social na xestión de papel cartón.

Ademais, polo que respecta á limpeza viaria se ampliará o servizo a praias e paseos marítimos e se inclúe o desbroce de beirarrúas, limpeza de zonas verdes e recreativas e miradoiros, pintadas e mobiliario urbano e unha limpeza específica previa ao comezo da tempada de verán.

Xeolocalización
O novo modelo aposta ademais pola tecnificación, de xeito que, co fin de garantir a eficiencia no servizo, se controle en tempo real as rutas e ubicacións dos elementos móbiles a través de sistemas de xeolocalización.