Venres 05 de Xuño de 2020

A Deputación investirá 294.447 euros na construción dunha nova senda peonil en Ribadeume (As Pontes)


As obras, que veñen de saír a licitación, suporán unha importante mellora da seguridade viaria na zona e inclúen tamén a instalación de nova iluminación pública

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de contrución dunha senda peonil na estrada DP 1802 á altura do núcleo de Ribadeume (As Pontes), cun orzamento 294.447,79 euros.

As obras permitirán mellorar a seguridade da veciñanza que reside ou se despraza a pé por neste núcleo, que conta con vivendas en ambas as marxes do vial, segundo explicou o alcalde das Pontes e presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

A nova senda discorrerá pola marxe dereita da DP 1802. Irá elevada con respecto á calzada e estará construída con pavimento continuo de formigón en masa. Terá unha lonxitude aproximada dun quilómetro (do PK 15+280 ao 16+230) e unha anchura de dous metros. Así mesmo, contará cun sistema de recollida de pluviais e drenaxe.

As obras incluirán tamén a mellora de iluminación pública en todo o tramo, substituíndo as actuais báculos e lámpadas de vapor de sodio por novas luminarias de sistemas LED, que melloran a eficiencia enerxética e luminosa.

1,4 millóns para ampliar 9 quilómetros de estrada

Esta obra completará a ambiciosa actuación prevista pola Deputación da Coruña nos primeiros 9 quilómetros da DP 1802 de Veiga de Cabana ás Pontes, cun orzamento previsto de 1,4 millóns de euros que permitirá construír unha senda peonil nos primeiros 300 metros de estrada e ampliar ata os 7 metros de ancho o vial ao seu paso polos núcleos de Goente e A Faeira, actuacións que suporán unha importante mellora da seguridade tanto do tráfico rodado coma dos peóns.