Venres 05 de Xuño de 2020

O Concello de Fene facilítalle a conexión a internet a 12 alumnos de Educación Primaria


O Concello de Fene vén colaborando cos centros de ensino do municipio desde o inicio da crise sanitaria, que supuxo a suspensión das clases presenciais e a impartición das materias a distancia. Neste sentido, desde a área de Servizos Sociais púxose en marcha un programa de impresión e reparto domiciliario de tarefas e, ademais, tamén se lle achegou equipamento para a conexión a internet a 8 familias en situación de vulnerabilidade. Trátase de encamiñadores 4G cun tráfico mensual de 50 GB cedidos ás familias por un período de dous meses que xa están sendo utilizados por 12 nenas e nenos de Educación Primaria.

A Educación Infantil e Primaria quedou fóra das axudas para conectividade e dispositivos da Consellaría de Educación, ás que só puido acollerse o alumnado de secundaria, bacharelato e Formación Profesional. Por este motivo, e en colaboración cos centros de educativos, o departamento de Servizos Sociais identificou o caso de alomenos oito familias con dificultade para que os seus pequenos puidesen seguir as clases virtuais, ben por carecer de conexión á internet ou por non dispoñer dunha capacidade de datos suficiente.

A solución adoptada foi a de contratar con Vodafone encamiñadores 4G de alta velocidade e un tráfico mensual de 50 GB, máis que suficiente para as necesidades de formación a distancia e as consultas que a rapazada deba facer para estudar ou completar traballos.

Os dispositivos están cedidos ás familias de forma gratuíta durante un período de dous meses, en previsión de que a actividade lectiva nas aulas dos ciclos inferiores xa non se vaia retomar alomenos até setembro. Os centros de ensino, pola súa banda, proporcionaron os ordenadores naqueles casos en que tamén faltase ese equipamento.

O Concello de Fene axuda desta maneira a reducir a denominada «fenda dixital», aínda máis acusada por mor da pandemia no caso de familias en situación de vulnerabilidade con rapazada en idade escolar. Desde os primeiros días trala declaración do Estado de Alarma o consistorio tamén coordinou co profesorado dos colexios a impresión, clasificación e distribución de apuntamentos e follas de exercicios para o alumnado con menos recursos.