Venres 05 de Xuño de 2020

O Concello distribuirá unha guía coas medidas de seguridade para levar a cabo unha reapertura segura dos establecementos


Acordouse na charla impartida hoxe polos inspectores de Sanidade Púbica da comarca de Soneira.

Nos próximos días o Concello de Camariñas distribuirá entre todos os establecementos do municipio unha guía explicativa con todas as medidas de seguridade que deben tomar os negocios para levar a cabo unha reapertura segura durante as diferentes fases da desescalada.
Esta acción acordouse hoxe na sesión informativa celebrada na Casa de Pedra dirixida ao tecido empresarial do municipio que impartiron os inspectores de Sanidade Pública da comarca de Soneira e á que asistiron representantes do comercio, das empresas e da hostalaría local.
Durante a charla os inspectores fixeron especial fincapé na importancia de extremar todas as medidas de seguridade que están establecidas polas autoridades sanitarias, tanto as de hixiene personal e uso do material de protección adecuado como as de limpeza e desinfección diaria e frecuente dos establecementos.
Ademais, os inspectores comprometéronse a elaborar unha guía sinxela e explicativa co conxunto das medidas de seguridade a adoptar e o Concello de Camariñas encargarase de transformala en cartelería para distribuír por todos os establecementos locais.
A alcaldesa, Sandra Insua, agradeceu a boa vontade e disposicion dos inspectores de Sanidade Pública para levar a cabo esta charla “que tivo unha moi boa acollida entre o tecido empresarial local xa que existía certa incertidume sobre a forma adecuada de volver a abrir as súas portas” e
explicou que “o goberno local ten a intención de destacar a Camariñas como un destino seguro, tanto para visitarnos como para mercar nos comercios e negocios ou desfrutar da hostalaría e dos nosos produtos”.