Venres 05 de Xuño de 2020

O pleno extraordinario desbota a maneira de executar as axudas propostas por parte da oposición por consideralas perxudiciais para a economía municipal


A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu a “responsabilidade política do grupo popular de Vimianzo para coa veciñanza”.
O Concello de Vimianzo decidiu esta mañá no Pleno extraordinario continuar cos cauces legais que amparan as medidas económicas e sociais para saír da crise da covid-19, entendendo que as propostas para modificar as mesmas non teñen sustento económico, puidendo comprometer as arcas municipais si se levasen a cabo.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo agradecer as mostras de “responsabilidade política do grupo popular de Vimianzo para coa veciñanza”, nunha intervención que iniciou coa valoración deste plan no que se leva traballando desde hai case dous meses desde o goberno local. “As liñas presentadas coinciden en parte coas que nós xa estamos a levar a cabo. Por outra banda, entendemos que o xeito de executalas podería comprometer enormemente as contas municipais, cousa que non podemos permitir”, aporta a rexedora.
O grupo da oposición Adiante Vimianzo propoñía comprometer un gasto de 500.000 euros en medidas que non se sustentaban nun preceptivo estudo, como se constatou no informe emitido pola Secretaría Municipal. Estas serían, entre outras, 80.000 euros para a compra de ordenadores e 60.000 euros para os máis de 800 autónomos que integran o tecido empresarial do noso concello. “Tivémonos que acoller a un Plan Económico – Financeiro pola mala xestión do goberno anterior, e tivemos constancia da solicitude dun Pleno extraordinario para tratar estas medidas pola prensa, co conseguinte gasto que supón”, comentaba a alcaldesa de Vimianzo. Cabe destacar que seis días antes da celebración desta sesión plenaria xa tivera lugar a ordinaria do mes de maio, no que non se trataron os temas que tan urxentes parecen seis días despois.
Desde o Concello, estase a traballar desde o inicio desta pandemia mundial nun conxunto de medidas que sexan non só beneficiosas para o conxunto da veciñanza, senón tamén un sustento de cara o futuro. “Non podemos andar remendando hoxe para despois ter que volver gastar os cartos mañá. Botei de menos a proposta dun Plan de Emprego, xa que para gastar primeiro hai que ter ingresos, e isto é algo que non se está a ter en conta”, destacou Rodríguez. “Desde o goberno local sempre estivemos dispostos e dispostas a colaborar e a meditar, consensuadamente, as medidas a impulsar. Desde o primeiro minuto sempre foi así por parte do Partido Popular de Vimianzo. Por parte dos concelleiros e concelleiras de Adiante Vimianzo non obtiven ningunha chamada desde que o estado de alerta comezou”, sentenciaba a rexedora vimiancesa.
Contando con isto, celebrarase unha sesión plenaria ordinaria a semana que vén, no que entendemos que se puideron “levar estes temas para ser tratados nun único foro”, apuntan desde o Concello.

Os gastos derivados deste Pleno, doados integramente a Protección Civil Nunha das derradeiras intervencións do grupo de goberno de Vimianzo, a alcaldesa Mónica Rodríguez, decidiu propoñerlle a todos os integrantes da corporación doar os gastos derivados deste Pleno a Protección Civil de Vimianzo, que “están a realizar un encomiable labor desde que todo isto comezou”. “Como xa dixemos, hai moitas maneiras de levar a debate as propostas de todos os grupos políticos sin ter que convocar un pleno extraordinario, co gasto que isto supón tanto en esforzo de persoal como económico. Pero ademais, temos convocado ouro pleno extraordinario en oito días”, sinala a alcaldesa.
A esta proposta do PSdG de Vimianzo uníronse posteriormente o Partido Popular e o grupo Adiante Vimianzo. “Desde o goberno local queremos con este xesto agradecerlle, e que non quede nas palabras, todo o esforzo deste grupo de voluntarios. Sen elas e eles non sería posible chegar ata onde estamos agora”, sentenciou a alcaldesa.