Venres 05 de Xuño de 2020

Ruiz define o orzamento 2020 como sensible no social, protector no económico e preventivo ante un posible rebrote do covid-19


O presuposto alcanza os 24,3 millóns tras incrementarse un 9,15%

 

O alcalde Manuel Ruiz presentou hoxe a proposta de orzamento municipal que se vai levar a pleno o vindeiro 28 nunha sesión que, de entrar a provincia na fase 2, será presencial na Casa do Concello por decisión dos grupos municipais tomando todas as medidas de distanciamento necesarias, e, de non manterse na fase 1, terá lugar telematicamente.

O rexedor municipal manifestou que os orzamentos están orientados ao gasto social e gasto covid, e que se vén complementados cun crédito extraordinario que tamén será levado ao próximo pleno do 28 de maio. Xuntos, van permitir que todos os grupos da Corporación se así o consideran poidan aprobar o Plan Marco de Reactivación Económica de Ribeira.

De feito, o orzamento vai ser un dos instrumentos dirixidos a facilitar a implementación deste Plan, razón pola cal posúe unhas características que non tiveron os tanteiores. Neste senso, Ruiz cualificou o orzamento como “sensible no social” (porque prevé a concesión de axudas a nivel individual), “protector no económico” (tamén contén medidas encamiñadas a defender o noso tecido económico e en especial ao comercio) e “preventivo” (ao posibilitar que o Concello estea mellor preparado ante un posible rebrote).

O orzamento ascende a 24.361.172,51 euros, cunha subida do 9,15% sobre a anualidade anterior, subida que se fundamenta en dúas razóns: a próxima poxa do matadoiro cun prezo de saída de 1.058.000 euros e a incorporación da taxa de depuración.

Sen créditos bancarios
Ademais, por primeira vez en trinta anos non hai que acudir a un crédito bancario, o que vai permitir que se siga reducindo débeda e as previsións apuntan a que a finais de ano poida estar por debaixo do 30%: unha cifra histórica. Tamén salientou que de cada 100 euros o Concello dedica só 4,5 euros a pagar a débeda e os intereses da débeda, algo sen precedentes alomenos na historia recente do municipio.

En canto aos gastos sube lixeiramente o capítulo de persoal (2,79%) e destaca sobre todo o incremento do gasto social, que supera por primeira vez os dous millóns de euros (2.052.000 €).

O capítulo 6 de investimentos rexistra un importante aumento do 36% (1.076.000 euros), o que se motiva en dúas actuacións que están asociadas aos ingresos que proporcione o matadoiro: a nova biblioteca e novo club de deportes náuticos (remo); ademais de destacar tamén o proxecto técnico do novo polígono industrial.

Plan Reactiva
O alcalde tamén desgranou algunhas cifras do Plan Marco de Reactivación Económica de Ribeira: aumento do 197% en emerxencia social, 95.000 euros para axudas extraordinarias do covid (para parados e ERTES), 190.000 euros para gastos extraordinarios do covid, 20.000 euros do Concurso AnimArte, 15.000 euros para a actualización da hostalería, etc.

Finalmente, destacou que as grandes ratios de aforro bruto e aforro neto e débeda seguen mellorando ano a ano.