Venres 23 de Febreiro de 2018

A Xunta destaca que o Fondo de Compensación Ambiental leva cinco anos beneficiando aos concellos galegos e os seus cidadáns


O vicepresidente da Xunta visitou o concello de Malpica de Bergantiños para coñecer as actuacións levadas a cabo ao abeiro das subvencións do 2014

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o concello de Malpica de Bergantiños para coñecer in situ actuacións levadas a cabo polo Concello ao abeiro das subvencións do Fondo de compensación Ambiental 2014.

Durante a visita, á que tamén asistiron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde da localidade, Eduardo Parga; Rueda destacou a frutífera colaboración da Xunta e o Concello, que se reflicte en distintos proxectos ano tras ano cun único denominador común: “o beneficio para os veciños de Malpica”.

O FCA procede do canon eólico e dende hai xa cinco anos beneficia aos concellos galegos que teñen explotacións eólicas, así como aos seus cidadáns, posto que subvenciona investimentos que melloran o entorno e a conservación natural. É dicir, representa un triplo beneficio, tanto para as arcas municipais como para os veciños e o medio ambiente.

No caso de Malpica, desde a súa creación o Fondo proporcionoulle unha axuda de case 600.000 euros para distintas iniciativas, como mellora do saneamento e abastecemento, aposta pola eficiencia enerxética, adquisición de equipamento ambiental e recuperación de sendas peonís, como a que se visitou hoxe na AC-414 de Buño.

Esta senda, posta en marcha froito da colaboración entre Xunta e o Concello de Malpica, mellorará a seguridade viaria, recuperará o entorno ambiental e facilitará o servizo aos veciños ao conectar o núcleo de Buño coa casa de Oleiro, onde están distintos servizos administrativos.

Outros exemplos da colaboración entre a Xunta e o concello de Malpica que o vicepresidente non quixo pasar por alto son o novo centro de saúde, que será unha realidade este mesmo ano 2015, e o centro comarcal, que o Goberno galego cedeu ao concello hai uns meses.

O Fondo de Compensación Ambiental 2014 destinou 8,7 millóns de euros a través das liñas de concorrencia competitiva e non competitiva. Na liña de concorrencia competitiva foron 1,7 millóns de euros para un total de 53 proxectos que benefician a 88 concellos.