Xoves 09 de Xullo de 2020

Medio Ambiente e Seguridade Cidadá activarán mañá o protocolo de uso das praias ata a apertura oficial do período estival


 

A concelleira Esther Fontán lembra que as duchas, os aseos e o posto de socorristas non estarán en funcionamento ata o comezo oficial do período de praias o próximo 15 de xuño

Tras o pase de Galicia á Fase 2 da desescalada, desde o vindeiro luns día 25 estará permitido tomar o sol e bañarse nas praias, motivo polo cal as áreas de Seguridade Cidadá e Medio Ambiente do Concello da
Coruña activarán un protocolo que abarcará desde o mesmo luns 25 ata o 15 de xuño, data de apertura oficial, como todos os anos, do período de praias.
A coordinación desta primeira fase correrá a cargo dos mandos de Seguridade Cidadá que vixiarán que se cumpran as normas de distancia e capacidade en cada un dos areais; para iso instalarán un Centro de Mando na Coraza do Orzán desde onde dirixirán todo o operativo. Este centro permanecerá aberto todo o verán, con labores non só de coordinación e vixilancia senón tamén de información e seguimento. Ademais instalarase un servizo de megafonía que xunto coas cámaras de tráfico contribuirán ao mellor desenvolvemento destes labores.

Ao longo do luns e martes, técnicos de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá supervisarán a instalación dos valos que pecharán a praia de Riazor desde As Escravas á Coraza e sinalizaranse os accesos polos que deberán entrar e saír os coruñeses dos cinco areais da cidade: Riazor, Orzán – Matadoiro, Lapas, Santo
Amaro e Oza. Haberá un único sentido de baixada e outro de subida no que será necesario gardar tamén as distancias, e teranse en conta os accesos para persoas con dificultades de mobilidade. Así mesmo, os técnicos de Medio Ambiente acompañados de responsables da empresa CESPA de limpeza e recollida de lixos comprobarán que os accesos permitan a posterior limpeza dos areais así como a recollida dos residuos.

O responsable de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, sinala que «a colaboración cidadá é fundamental á hora de manter as medidas de seguridade aprobadas polo Goberno e para calquera cousa que necesiten non dubiden en acudir ao centro de mando que estará instalado na coraza ou chamando como sempre á sala do 092, e demais servizos de seguridade e emerxencias da cidade: 112, 091, 080».

Desde Medio Ambiente lembran que as duchas non estarán en funcionamento, do mesmo xeito que outros servizos como o posto de socorristas ou os aseos ata o comezo oficial do período de praias o próximo 15 de xuño. “Estes días que van desde o luns 25 ata o próximo día 15 xuño servirán tamén para ir pulsando sobre os propios areais a resposta dos cidadáns e corrixir aqueles aspectos que se poñerán definitivamente en funcionamento a partir do 15: control de aforo en tempo real, aviso de pleamares e desaloxo de praias en caso de mareas vivas con antelación suficiente, medidas de hixiene e salubridade en todos os areais, posta en funcionamento do servizo de Salvamento e Socorrismo…”, asegura a concelleira Esther Fontán.

Os servizos de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá seguirán traballando estreitamente nos próximos días e ao longo de todo o verán para que esta nova situación sexa o máis levadía e menos molesta posible para os coruñeses. Fontán sinala que «somos conscientes de que ningún sistema que poidamos aplicar vai satisfacer á totalidade dos coruñeses que se acheguen ás praias”.