Xoves 09 de Xullo de 2020

O Concello de San Sadurniño repara os problemas detectados a principios de ano no saneamento de Marqués de Figueroa


 

O departamento de Obras levou a cabo aló polo mes de febreiro unha inspección da rede de sumidoiros de Marqués de Figueroa para detectar os puntos onde se estaban producindo atascos e filtracións. Aquel traballo fíxose cun vehículo teledirixido que non só axudou a ver os problemas internos da rede, senón que tamén permitiu localizar acometidas domiciliarias para as que hai 30 anos, cando se fixo a primeira grande reparación da avenida, non se deixaron rexistros en superficie. Agora que se coñece a súa localización exacta o Concello pode darlles unha solución, para o que se están levando a cabo distintas actuacións nos números máis baixos da avenida, concretamente entre o antigo cuartel da Garda Civil e o CPI.

A treboada do pasado 18 de decembro produciu asolagamentos na zona norte de Marqués de Figueroa producidos polo rebordamento do regato da Rubiña que discorre paralelo á estrada provincial que conecta a avenida con Lamas. Tan rápido como asolagou a zona, a auga tamén marchou así que parou de chover, evacuada pola rede de desaugadoiros municipais.

Porén, ese episodio meteorolóxico tivo como consecuencia que nalgunhas vivendas da metade sur da avenida -onde a cota volve descender- se producisen rebordamentos de augas fecais e, ademais, que nalgúns puntos houbese atoamentos sen que se soubese ben o lugar exacto en que poderían estar ocorrendo.

A raíz da situación daquel día, o Concello fixo en febreiro unha inspección do saneamento utilizando un robot que permitiu identificar os puntos críticos con refugallos acumulados -sedimentos, toalliñas, etc.-, pero tamén constatar que nas obras de renovación da avenida efectuadas nos anos 90 se deixaron ocultos debaixo do asfalto varios accesos ao saneamento moi necesarios para o seu mantemento. «As obras que se fixeron hai case trinta anos taparon varios pozos de rexistro. Non é que os enchesen, senón que se lles botou por riba da tapa o recheo e despois o aglomerado», explica Secundino García.

Pola maior parte de Marqués de Figueroa discorre un único colector seguindo a marxe dereita en sentido subida que, para salvar as cotas, nuns lugares vai soterrado a case cinco metros e noutros a escasos 100 centímetros. Porén, as inspeccións levadas a cabo co robot e cun detector de metais verificaron que pola marxe esquerda hai outra tubaxe para augas fecais que vai desde o colexio público até algo máis arriba do antigo cuartel da Garda Civil. Os traballos tamén constataron que na obra de inicios dos 90 se deixaron tapados debaixo da estrada polo menos catro rexistros de acceso ao saneamento e varios enreixados de recollida de pluviais.

Agora o departamento de Obras e Servizos encargou que nese trazado se efectuasen varias catas para sacar á luz as tapas dos rexistros e facer desde elas os labores de desatascado da rede. Os traballos comezaron a semana pasada e obrigaron a cortar a avenida entre o CPI e a rúa que dá ao ximnasio do centro escolar.

Ademais de limpar os sumidoiros tamén se aproveitará para instalar novas tapas do alcantarillado en superficie, o que permitirá no futuro solventar de inmediato calquera problema que se produza nas canalizacións. «O que estamos facendo agora é algo que xa se debería ter feito hai trinta anos, cando se amañou por primeira vez a avenida. Aforraríanos moitos inconvenientes e ter que andar facendo obras neste momento, cando hai tan só un ano que se reparou toda esta rúa», lamenta Secundino García.

Porén, o rexedor sinala que os traballos en marcha servirán para «facer un plano detallado da rede e corrixir chapuzas do pasado, de maneira que quen xestione o Concello no futuro disporá dunha guía de referencia precisa sobre como están as cousas, evitándolle ter que andar solucionando os problemas case a cegas, como nos ocorreu a nós neste caso».

Agárdase que as obras finalicen a mediados desta semana botando unha nova capa de aglomerado nos tramos de vía afectados e restaurando os fragmentos de beirarrúa onde foi preciso actuar.