Xoves 09 de Xullo de 2020

O alcalde fai un chamamento ao «uso prudente das novas posibilidades que se nos ofrecen» na fase II


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta este luns dos asuntos tratados na Xunta de Goberno. Ademais, aproveitou para facer un chamamento á «responsabilidade» de todos e todas agora que Santiago e Galicia entran na fase II do proceso de desescalada.

En palabras de Sánchez Bugallo, «en cada fase nova é maior o peso da responsabilidade compartida polo conxunto da cidadanía e polo conxunto de empresas, comerciantes, hostaleiros… Por iso, ante esta fase II, indicou que «debemos ser conscientes desta responsabilidade e facer bo uso das novas posibilidades que se nos ofrecen». En calquera caso mostrouse convencido de que esta nova fase «irá ben», en consonancia ao «comportamento moi responsable de cidadáns e profesionais» nas fases anteriores.

Tal como vén facendo nas últimas semanas, o alcalde alertou sobre os efectos «moi negativos» que un retroceso tería para «a moral, a economía e a confianza». Neste sentido, alentou a «non agobiarnos coa lentitude dos pasos, pero si a non dar un paso atrás».

Recuperación turística
Para o rexedor, resulta clave a recuperación do sector turístico, que «supón o 20% da nosa economía» e do sector servizos. En relación ao turismo, expresou a súa confianza en que a recuperación sexa «intensa» en Santiago e Galicia, polo maior peso do turismo nacional, especialmente no caso da Comunidade Autónoma. Así, fronte á confianza en que o turismo español e portugués beneficie á recuperación máis inmediata do sector, augurou que a volta do turismo internacional «será un proceso máis lento».

Con todo, expresou o seu desexo de que o Goberno español fixe canto antes os protocolos para este regreso do turismo, coa confianza de que o turismo interior «poida estar operativo na segunda quincena de xuño».

Preguntado pola actividade aeroportuaria, apuntou que a maioría de compañías «están plantexando a recuperación da actividade en xullo», pero que «isto dependerá de cando se abra a circulación de persoas, primeiro entre comunidades autónomas e logo a nivel europeo».

Tamén a propósito da mobilidade, expresou a súa confianza en que esta, no ámbito galego «se poida recuperar, se non é nesta, na próxima semana». Fronte á positividade desta medida, ao alcalde non lle parece razoable que Galicia poida saír do estado de alarma, unha medida que considera que «debe ser común para toda España». «Preocúpame o desprazamento da poboación e unha comunidade autónoma tería graves impedimentos para limitar esa mobilidade de persoas que poidan proceder de lugares que estean nun escenario peor que Galicia», subliñou.

Axudas ao comercio
Noutra orde de cousas e tamén en resposta a unha pregunta xornalística sobre as diferencias entre as axudas do Consorcio para comercios da cidade histórica e as axudas municipais para comercios no resto da cidade, indicou que «é un tema que nos preocupa» e que «se está falando co Consorcio» para que na nova convocatoria do organismo interadministrativo non exista «esa diferencia no tratamento. O alcalde explicou que, no caso do Consorcio, a subvención chega ata o 40%, pero cun tope de 12.000 euros, mentres que na axuda municipal a subvención pode alcanzar o 80%, pero cun máximo de 5.000 euros.

Xunta de Goberno
En canto aos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local, Sánchez Bugallo destacou a apertura do procedemento para adxudicar cinco actuacións incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS +) da Deputación da Coruña, que suman un investimento de aproximadamente 1,1 millón d euros. Trátase de dúas pistas polideportivas e parque saudable no lugar de Carregal (O Eixo), da mellora do pavimento da calzada da rúa de Santa Teresa de Jornet, da obra de reparación e consolidación da ponte de Vidán, dun parque infantil en Coto dos Olmos e dunha senda peonil e reforzo da calzada en Paredes de Laraño.

A maiores, aprobouse o procedemento para licitar outra obra, incluída no POS Adicional da Deputación, para mellorar o viario entre as parroquias de Barciela e Cesar, dende a N-550, por un importe de 260.000 euros. O detalle destas actuacións será explicado mañá martes en rolda de prensa polo concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel.

Na xuntanza do Goberno Local tamén se deu o visto bo á prórroga de seis meses da xestión dos centros socioculturais, en tanto non se licita o novo contrato, e aprobouse a convocatoria da redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, incluído no programa EDUSI, cofinanciado polo Concello de Santiago e os fondos FEDER, por un importe de 200.000 euros e un prazo de 12 meses.