Sábado 26 de Maio de 2018

A Deputación formaliza a achega necesaria para o inicio da renovación do Polideportivo Cruz do Sar de Bergondo


O obxectivo do proxecto é resolver distintos problemas que ten o edificio, que suma xa máis de 25 anos de antigüidade

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, formalizou esta mañá a través da firma dun convenio coa alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, a axuda de 90.773,52 euros para que o Concello de Bergondo poida renovar o polideportivo do colexio Cruz do Sar.

Este edificio supera os 25 anos de antigüidade e, polo tanto, precisaba dunha reforma. Para poder levala a cabo, a Deputación asumirá o 64% do custo do proxecto, que consistirá en varias obras de renovación coma a reparación da pista deportiva, a eliminación de humidades e o cambio da carpintería interior. Tamén se dotará ao edificio dun novo acceso para vehículos, xa que o existente modificouse para facer un acceso para persoas con problemas de mobilidade.

Ademais, grazas a esta achega tamén se poderá adecuar á normativa vixente de seguridade de uso e contra incendios o polideportivo, que utiliza o alumnado do CPI Cruz do Sar.

“Nós estamos encantados co proxecto, e esta axuda da Deputación foi unha oportunidade de ouro para levala a cabo”, declarou a alcaldesa, durante a firma do convenio.