Venres 16 de Abril de 2021

Uxía Pérez Lojo gaña o concurso de fotografía “Corentena desde Noia”


Uxía Pérez Lojo, coa súa imaxe “Aplauso sanitario”, é a gañadora do concurso de fotografía “Corentena desde Noia”, organizado pola Concellería de Xuventude do Concello de Noia e no que participaron catorce mozos e mozas de entre 14 e 30 anos. Unha fotografía pola que levou un vale de 120 euros para gastar en comercios da vila de Noia.
A presidenta do xurado e concelleira de Xuventude, Laura Salgado García, destacou o gran nivel amosado polas 28 fotografías a concurso que “ademais de inmortalizar de xeito creativo a vila de Noia desde os nosos fogares durante a corentena, tamén servirá agora para apoiar ao noso comercio local, pois os 300 euros que repartimos en premios son vales para gastar nos comercios de Noia”.
O xurado, composto pola propia Laura Salgado e dous profesionais da fotografía como Víctor Martínez Campos e Miguel Ángel Sanluís Trillo, outorgou o segundo posto e vale de 80 euros ao único participante que non puido acudir a recoller o galardón: Isaac Alcalde Romero, coa súa imaxe “Noia resistirá”. O terceiro posto e vale de 60 euros foron para Celia Caamaño Barreiro por “Cunha pedriña e un coral, podemos facer unha fermosa postal”; e o cuarto premio recaeu en Raquel Vieites Ronquete por “Canela viviendo el confinamiento”, polo que recibiu un vale de 40 euros para gastar no comercio da vila.