Venres 05 de Marzo de 2021

Esther Fontán anuncia que o concello estuda impulsar o comercio de proximidade con un mercado todos os domingos


A concelleira de Medio Ambiente, Comercio e Emprego visitou esta mañá o mercado ecolóxico, que volveu ao campo da Leña tras a suspensión ocasionada pola crise sanitaria

O concello estuda a posibilidade de que todos os domingos se realice un mercado de produtos ecolóxicos e de proximidade. Será alternando o Campo da Leña e outra zona da cidade que aínda está sen concretar.
Así o anunciou esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, Comercio e Emprego, Esther Fontán, durante a súa visita ao mercado que ten lugar desde hai anos no campo da Leña e que volveu hoxe tras a suspensión de varios meses motivada pola pandemia da Covid19.
A concelleira asegurou que o concello quere facilitarlle á veciñanza a compra de alimentos ecolóxicos e de proximidade: “Queremos que a alimentación de proximidade chegue a todos os fogares coruñeses”. Fontán destacou a importancia deste tipo de alimentación, non só por motivos de saúde senón tamén pola necesidade de que a cidade se suba á roda da economía circular. Por iso, desde a Concellería de Comercio impulsarán novas iniciativas encamiñadas a incrementar o consumo deste tipo de alimentación.
Fontán agradeceulle ás produtoras e aos produtores que se atopaban hoxe no mercado (polo momento con menos postos debido ás medidas de seguridade e de capacidade impostas neste tipo de eventos) o seu labor durante a pandemia e lembrou que o mercado permaneceu aberto coa venda en liña e o servizo a domicilio. Unha iniciativa que serviu para fidelizar á súa clientela e non perder as súas vendas.
Agora, coincidindo coa desescalada, o obxectivo do concello e das produtoras e dos produtores é impulsar este tipo de comercio, para responder á demanda e incrementar o número de persoas consumidoras na Coruña.