Venres 16 de Abril de 2021

A Xunta traslada aos constructores da Coruña as oportunidades que ofrece o programa Rexurbe para o sector da rehabilitación


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe unha videoconferencia con representantes da Asociación de Empresarios da Construción da provincia
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha videoconferencia con representantes da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco) para falar da recente convocatoria do Programa Rexurbe para a adquisición de inmobles deteriorados ou en estado de abandono no casco histórico coruñés. Neste sentido, Vázquez Mejuto referiuse ao impacto positivo que terá para o sector o feito de que, por primeira vez desde a creación do programa, se inclúa na oferta á cidade herculina, onde a Xunta ten previsto investir un millón de euros na compra e rehabilitación de edificios con fins residenciais.
O pasado 4 de xuño, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) abriu o prazo para a presentación de ofertas para a adquisición de inmobles no barrio coruñés da Pescadería, o que permitirá que a Xunta compre edificios e fincas co fin de rehabilitalos e ofrecer vivendas en alugueiro aos veciños nun ámbito que coincide coas partes máis degradadas desta zona, incluída no Plan Especial Cidade Vella-Pescadería.
Cómpre recordar que a oferta pública do Programa Rexurbe lanzada para este ano inclúe tamén aos concellos de Mondoñedo e Ribadavia -cun orzamento total de 1,5 M€- e daralle continuidade ás xa realizadas en 2018 e 2019, que se saldaron coa compra de 37 edificios en Betanzos, Ferrol, Lugo, Ourense, Ribadavia e Tui.
Dentro de cada un dos ámbitos seleccionados, a conselleira explicou que se establece como obxectivo actuar preferentemente nas zonas onde exista un maior número de edificacións ou solares en estado de abandono ou semiabandono, procurando concentrar as intervencións para conseguir un maior impacto na rexeneración urbana. Todos os propietarios interesados en presentar as súas ofertas ante a Xunta dispoñen ata o 25 de agosto para facelo.
Unha vez adquiridos os inmobles, o IGVS procederá á súa rehabilitación e as vivendas
resultantes serán cualificadas como de promoción pública antes de destinalas a alugueiro.
Incentivo á colaboración privada
Este novo esforzo do Goberno autonómico por adquirir inmobles en ámbitos degradados de distintos puntos de Galicia responde, como explicou a conselleira, á unha dobre necesidade: por unha banda, poñer en valor os conxuntos históricos da comunidade e por outra, atender tamén ás expectativas xeradas no sector inmobiliario, xa que este tipo de iniciativas públicas, subliñou, incentiva a colaboración privada para recuperar outros edificios localizados nos ámbitos de actuación seleccionados.

Neste sentido, trasladoulles aos construtores coruñeses que no caso concreto da oferta de 2020, a selección do IGVS fundaméntase en que nos tres casos se tratan de concellos que xa teñen -ou están en fase avanzada de elaboración da documentación para a súa declaración- unha Área Rexurbe, unha nova figura creada pola Lei de rehabilitación de Galicia como un ámbito de intervención no medio urbano que, polas súas especiais características, precisa dun maior apoio e implicación das administracións públicas para dinamizar e revitalizar todos os seus elementos, non só desde un punto de vista urbanístico senón tamén social, ambiental e económico.
Mondoñedo foi o primeiro en obter esta declaración mentres que no caso da Coruña previsiblemente se aprobará este mesmo mes de xuño xa que, como lembrou Ángeles Vázquez, o Concello acaba de presentar oficialmente ante a Xunta a súa solicitude de Área Rexurbe para dous ámbitos discontinuos emprazados dentro do PEPRI da cidade histórica e da Área de Rehabilitación Integral que xa existe.
Neste sentido, Vázquez Mejuto incidiu en que esta zona constitúe a améndoa central da Cidade Vella e do eixo Orzán-Panadeiras, dous ámbitos que coinciden case ao 100% coa zona da Pescadería na que se prevé adquirir inmobles ao abeiro do Programa Rexurbe, polo que suporá un pulo moi importante para o conxunto histórico da Coruña desde o punto de vista da rehabilitación residencial e, por conseguinte, ofrecerá novas oportunidades para as empresas do sector construtivo.