Mércores 11 de Decembro de 2019

A Asemblea do PSOE de Brión elixe por unanimidade a Xosé Luís García como candidato á Alcaldía de Brión


García: “preséntome coa mesma ilusión que a primeira vez, con moitas ideas para poñer en valor todo o que conseguimos e mellorar os servizos que lles prestamos aos veciños de Brión”

A Asemblea do PSOE de Brión elixiu por unanimidade a Xosé Luís García como candidato á Alcaldía de Brión. Os case douscentos simpatizantes e militantes reunidos na noite de onte venres no Hotel Balneario Compostela (O Tremo-Brión) apoiaron a proposta do actual alcalde de Brión, quen agradeceu o respaldo unánime dos presentes e animounos a colaborar na campaña xa que “o traballo que fixemos estes catro anos aválanos para seguir traballando por Brión outros catro anos máis”.

Xosé Luís García aseguroulles aos presentes: “preséntome coa mesma ilusión que a primeira vez, con moitas ideas para poñer en valor todo o que conseguimos ao longo destes anos e mellorar os servizos que lles prestamos aos veciños e veciñas de Brión”. Neste sentido, adiantoulles que xa está a traballar nunha reorganización interna dos servizos que presta o Concello de Brión para, de acordo cos traballadores e funcionarios municipais, poder incrementar e mellorar os servizos que se lle están prestando aos veciños en materia social, educativa, deportiva e cultural.

Lista renovada
O candidato socialista á Alcaldía de Brión adquiriu un compromiso coa Asemblea: “preséntome para ser alcalde do Concello e, se os veciños nos volven outorgar a súa confianza, serei alcalde durante os próximos catro anos. Non vou ir a ningures e vou estar á fronte do Concello de Brión durante eses catro anos”. Así mesmo, engadiu que “ninguén é eterno. Non sei se será a última vez que me presente ou non, pero temos que buscar xente preparada que poida tomar o relevo”.

Por iso, García anunciou que presentará “unha lista renovada, con xente nova, moi preparada e con moitas gañas de traballar por Brión”. Unha lista que será presentada nunha nova Asemblea do PSOE de Brión entre o 6 e o 20 de febreiro, nun acto que terá lugar no Hotel Balneario Compostela.

Non hai alternativa
Xosé Luís García explicoulles aos presentes que a súa candidatura “é un exercicio de responsabilidade cos veciños e veciñas de Brión. Levamos moitos anos traballando polo ben común, primeiro como independentes e nos últimos anos integrados no Partido Socialista, e non podemos deixar Brión en mans de ninguén. Porque na oposición municipal non hai ninguén”. Neste sentido, García foi especialmente crítico coa situación do Partido Popular, onde nos dous últimos anos dimitiron sete membros da lista electoral presentada nos comicios de 2011. “No PP non hai seriedade, Brión non pode quedar en mans de xente así”, apuntou.

O candidato socialista indicou que “estes últimos anos foron especialmente duros pola crise económica, que aínda continúa por moito que digan dende o Partido Popular” pero indicou que a boa xestión realizada permite que o Concello de Brión teña unha boa saúde económica, cun superávit de máis de un millón de euros e cunha débeda de menos do 5% e que quedará reducida a cero nas próximas semanas.