Martes 02 de Marzo de 2021

As paisaxes impactantes de Sebastião Salgado acampan nos xardíns de Méndez Núñez


A Fundación “la Caixa” ofrece até o 19 de xullo en colaboración co concello un mosaico de 38 imaxes en branco e negro, que pertencen ao proxecto “Xénese”, en que o fotógrafo brasileiro retrata os lugares máis virxes do planeta xunto ás xentes e á fauna que os habita

Desde hoxe e até o 19 de xullo pódese ver nos xardíns de Méndez Núñez a exposición “Xénese”, do fotógrafo brasileiro Sebastião Salgado, que retrata os lugares máis virxes do planeta, xunto ás xentes e aos animais que os habitan nun mosaico de 38 imaxes en branco e negro. A Fundación “la Caixa” e o concello ofrecen ao aire libre as imaxes do que foi Premio Príncipe de Asturias das Artes, en que capta a inmensidade de paisaxes únicas no mundo para se deter nos detalles e formas de vida das comunidades humanas e construír así un discurso que fala de Madagascar, Botsuana, do Parque Nacional de Kafue en
Zambia, da meseta do Colorado nos Estados Unidos, de Alaska ou do arquipélago das Galápagos, en Ecuador.
“Xénese” é o terceiro gran proxecto do artista. Concibido nun principio para denunciar a desaparición de espazos únicos, as experiencias vividas por Salgado levárono a cambiar o rumbo da súa investigación cara a espazos que se manteñen intactos. O resultado son 32 anos coa cámara ao ombro que deron en instantáneas de desertos xigantescos e de terras xeadas da Antártida, bosques tropicais e cordilleiras dunha presenza impoñente. O fotógrafo homenaxea a natureza en todo o seu esplendor e o mundo animal: “Sentín que era un privilexio contemplar os ciclos da vida en continua repetición”, sinala Salgado. A mostra enmárcase dentro do acordo entre a Fundación ”la Caixa” e a Xunta para a celebración do Xacobeo 2021.