Venres 03 de Xullo de 2020

O Concello de Brión convoca tres obradoiros gratuítos de informática


O Concello de Brión organiza tres obradoiros gratuítos de informática, que terán lugar ao longo dos próximos meses en canto se xunte un grupo mínimo de 3 persoas interesadas. Trátase de pequenos obradoiros para aprender o manexo de tecnoloxías moi concretas como son a videochamada, a sede electrónica e o correo electrónico.
Como medida especial de protección fronte á Covid-19, os grupos serán moi reducidos e mesmo poderanse convocar cursos cun mínimo de 3 persoas inscritas. Ademais da cota gratuíta, o Concello de Brión ofrecerá tamén flexibilidade horaria, con sesións tanto de mañá como de tarde. As inscricións poden realizarse na Aula CeMIT de Brión, chamando ao 981 50 99 08 ou enviando un correo a cemit.brion@outlook.com . A admisión realizarase por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas en Brión.
O obradoiro de videochamada terá unha duración de 4 horas, nas que o alumnado aprenderá a xestionar videochamadas a través das aplicacións máis coñecidas: zoom, skype, messenger…
Tamén terá unha duración de 4 horas o obradoiro de manexo da sede electrónica, dende como obter certificados dixitais con Chave 365 ou Clave PIN, ata trámites que se poden facer na rede coas distintas administracións e organismos. Finalmente, o obradoiro de correo electrónico será o de máis longa duración, 6 horas, e nel o alumnado aprenderá a crear e xestionar o correo, administrar os contactos e trasladalo aos seus dispositivos móbiles.

Deja un comentario