Venres 03 de Xullo de 2020

Os 7,2 millóns do Plan Único para Ferrolterra, Eume e Ortegal financiarán 42 obras, servizos básicos e gasto social


Primeira achega do POS+2020 supón un investimento de máis de 41 millóns de euros na provincia, dos que 7,2 corresponden aos concellos destas tres comarcas

A Deputación da Coruña vén de aprobar por unanimidade no pleno de xuño a primeira achega do Plan Único (POS+2020), que suporá un investimento de 41.266.299,41 euros nos 93 concellos da provincia. Como cada ano, esta cantidade irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio, coa incorporación de fondos adicionais.

Nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, o plan impulsado polo goberno provincial de Valentín González Formoso supón este ano unha inxección económica inicial de 7.194.253,61 euros, dos que case a metade (3.367.993 euros) serán destinados ao financiamento de 42 obras de construción e mellora de infraestruturas públicas.

Construción de beirarrúas e mellora de estradas e camiños en Ferrol, Cabanas, Moeche, As Pontes, Neda, A Capela ou Monfero; creación de redes de saneamento e abastecemento de auga en Fene, Ares e Cerdido; mellora de instalacións culturais e deportivas coma a biblioteca municipal Fernández Latorre de Ortigueira ou o campo de fútbol de Mourente, en Valdoviño; novos parques infantís en Narón, Moeche e construción de infraestruturas coma a nova pérgola de praza de Galicia de Cedeira son algúns dos proxectos que contarán este ano con financiamento do POS+ provincial para a súa execución.

Outra parte importante do Plan Único (2.824.805,40 euros) destínase a financiar parte do gasto corrente de 18 concellos da zona. Con estes fondos, a Deputación colabora cos municipios no financiamento dalgúns servizos esenciais coma a limpeza de rúas e estradas, a recollida de lixo ou o alumeado público, que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Ningún concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal solicitou este ano fondos do POS+ para reducir a súa débeda e só seis destinan parte dos fondos a pagos a provedores, por un importe total de 272.903,54 euros.

728.551 euros para gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19

Cabe destacar que o Plan Único conta este ano cunha achega especial de 4 millóns de euros procedentes de superávit para apoiar aos concellos da provincia nos gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19.

Destes 4 millóns, os concellos das tres comarcas reciben un total de 728.551 euros euros, con cantidades que oscilan entre os 97.307,78 € de Narón e os 19.144,31 € de Cerdido e que se destinan a cuestións coma o reforzo dos servizos municipais de Asistencia no Fogar ou a compra de equipos de protección (EPI).

Deja un comentario