Sábado 28 de Novembro de 2020

A alcaldesa de Vimianzo mantén unha reunión coa conselleira de Infraestruturas para acadar un consenso de cara ao tema do Corredor


A rexedora acudiu á xuntanza esta mesma mañá, ás 13:30, en San Caetano, no edificio da Xunta en Santiago de Compostela.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, acudiu esta mañá a Santiago de Compostela, no edificio da Xunta de Galicia en San Caetano, para abordar coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez o tema do Corredor da Costa da Morte, e máis concretamente, o acceso para o polígono de Vimianzo.
O Concello de Vimianzo presentara en tempo e forma as alegacións para que a Xunta de Galicia reconsiderase a problemática que afecta ao municipio vimiancés, en relación co corredor da Costa da Morte, e que cuxo proxecto non ten en conta un enlace para o polígono industrial do municipio.
Nesta xuntanza, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, comprometeuse á elaboración dun proxecto que contemple este ramal, pero non tanto ao seu financiamento e á súa construción, algo que desde o Concello de Vimianzo consideran ‘insuficiente debido ao calado do proxecto. Entendemos que é algo que atinxe ao interese común de moitas veciñas e veciños da contorna e non nos parece correcta a disposición da Xunta de Galicia’, insiste a rexedora vimiancesa.
No ámbito concreto do Polígono Industrial, existen numerosos exemplos de execución e financiación autonómica sobre vías da súa titularidade, como o correspondente á conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas.
Neste senso, Mónica Rodríguez agradece ‘á conselleira por terme recibido e escoitar as miñas propostas, pero non tanto as escasas solucións que se nos plantexan para executar un problema de índole autonómica’, destacou Rodríguez.
A alcaldesa quixo amosar a súa preocupación ‘por un tema incerto neste momento, pero polo que seguiremos loitando xa que é de gran relevancia. Vimianzo ten que contar con ese enlace’.