Luns 03 de Agosto de 2020

O DOG publica a resolución pola que se declara a Área Rexurbe da Coruña, que comprende a Améndoa Central da Cidade Vella e o Eixo Orzán- Panadeiras


No ámbito desta Área Rexurbe existen 73 inmobles con deficiencias, ademais de espazos públicos necesitados de melloras
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se declara a Área Rexurbe da Coruña, que inclúe dous ámbitos dentro do conxunto histórico: a Améndoa central da Cidade Vella e o Eixo Orzán-Panadeira.
A Área Rexurbe é unha nova figura creada pola Lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, aprobada en 2019, que vai máis alá das tradicionais áreas de rehabilitación integral, xa que ademais da rehabilitación edificatoria inclúe medidas de dinamización social, demográfica e económica.
Grazas a esta figura realizaranse actuacións públicas e privadas dirixidas á mellora dos inmobles existentes e dos espazos públicos xunto con medidas sociais, ambientais e económicas dirixidas á mellora das condicións de vida, a creación de riqueza e postos de traballo e a dinamización demográfica.
A da Coruña é a primeira Área Rexurbe que se declara nunha cidade galega e a segunda en toda Galicia, despois da de Mondoñedo, declarada no pasado mes de febreiro. Non obstante, en Galicia hai un total de tres Áreas Rexurbe, pois no Consello da Xunta de onte tamén aprobou a declaración dunha terceira Área Rexurbe, a de Ribadavia, que inclúe todo o ámbito do Conxunto Histórico desta vila, que tamén conta con área de rehabilitación integral (ARI).
No caso da Área da Coruña, a superficie total da área é de 0,08 quilómetros cadrados, existindo na mesma, segundo a memoria presentada polo Concello, 519 edificios cun total de 2.188 vivendas. Dese total existen 73 edificios que se atopan en estado deficiente, malo ou ruinoso.
A través desta nova figura, o Concello da Coruña pretende realizar actuacións de rehabilitación e mellora de edificacións e trama urbana, que incidirán sobre a situación económica e social dos ámbitos da Área Rexurbe e de toda a Cidade Histórica da Coruña, na que se insiren as dúas zonas incluídas na área.
Unha vez realizada a declaración da Área Rexurbe a Coruña, o Concello deberá redactar un plan de dinamización da mesma, na que se indiquen as medidas a adoptar e actuacións que se deben levar a cabo, o custe estimado das mesmas e as fontes de financiamento, público e privado, para levalas a cabo. No caso da Xunta de Galicia, o financiamento procederá de diversos departamentos, xa que as actuacións nunha Área Rexurbe son transversais e afectan a competencias de diversos departamentos.
Para a redacción do plan de dinamización, o Concello conta cun modelo elaborado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), segundo o establecido na lei de rehabilitación.
Para a redacción deste modelo de plan de dinamización o organismo público contou coa colaboración, a través dun convenio, da Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
O plan de dinamización que redacte o Concello da Coruña será sometido a consultas cos organismos incluídos no mesmo antes de sometelo á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, aprobación que facilitará o inicio de actuacións na Área Rexurbe coruñesa.