Luns 03 de Agosto de 2020

A comisión de traballo dos concellos das comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña demanda unha reunión urxente con Renfe e Adif ante a gravidade da situación, xa de por si deteriorada, do servizo ferroviario


 

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e o alcalde Burela, Alfredo LLano, contactaron estes días con representantes da Plataforma en Defensa do tren Ferrol-Ribadeo ante a persistencia da suspensión de servizos ferroviarios nas nosa comarcas. Asi a rexedora de Moeche, en nome dos concellos das tres comarcas de Ortegal, Ferrolterra e A Mariña, afectados pola lamentable e inexplicable situación do servizo ferroviario nestes últimos tempos, solicitou a convocatoria dunha reunión con representantes de Renfe e Adif para abordar a extrema situación e o compromiso dunha solución inmediata.

A situación do servizo ferroviario é de tal abandono que se traduce, baixo a desculpa da situación da crise sanitaria da COVID 19, nunha intolerable redución de case o 75% de servizos na liña Ferrol-Ribadeo. Como ben sabemos todos, o estado de alarma rematou e os servizos públicos en xeral recuperaron a súa actividade normal, como deber ser, máxime naqueles casos de servizos esenciais como o transporte público.

Rematado o estado de alarma, no canto de repoñer os servizos habituais, Renfe segue mantendo a supresión de servizos e nin sequera se fixa unha data de reanudación. Por outro lado, os compromisos adquiridos nas reunións mantidas até o momento no se corresponden coas actuacións nin de Renfe nin de ADIF.

Aproveitar a situación xerada polo COVID 19 para avanzar no abandono do transporte público ferroviario de proximidade é intolerable e causa un grave prexuizo para o conxunto das veciñanzas e para o desenvolvemento das nosas comarcas. Renfe está apostando por suprimir servizos en lugar de promocionar o tren como transporte público. Un transporte que se debería reactivar fomentando a demanda con servizos adaptados ás necesidades das persoas usuarias.