Luns 03 de Agosto de 2020

A Concellaría de Servizos Sociais de Fene abre o prazo de solicitude para participar no programa «Mocidade Activa»


As actividades desenvolveranse polas mañás entre o 15 de xullo e o 15 de agosto

Favorecer a cohesión social e sensibilizar sobre as adicións con sustancias ou comportamentais, son os principais obxectivos do programa Mocidade Activa que poñen en marcha neste mes de xullo o Concello de Fene e a agrupación de Concellos de Mugardos e Neda. A iniciativa vai dirixida á mocidade de 11 a 16 anos e contempla actividades como pilotaxe de drons, fútbol burbulla, fabricación dixital 3D, artesanía electrónica, habilidade maker, como ser Youtuber, radio, habilidades persoais e combate láser. O programa desenvolverase do 15 de xullo ao 15 de agosto, con sesión de dúas horas e media entre as 11.00 e as 13.30 horas.

As persoas interesadas en participar, deberán enviar antes do 13 de xullo a súa solicitude ao Departamento de Servizos Sociais do Concello de Fene por correo electrónico servizos.sociais@fene.gal ou, excepcionalmente, entregala de forma presencial, previa cita nos teléfonos 981342607 / 981492706 (de luns a venres, de 10.00h a 14.00h).

As prazas cubriranse por orde de inscrición e unha vez formados os grupos (que deberán contar cun mínimo de 10 participantes e un máximo de 12), especificaranse os horarios e espazos que acollerán cada unha das actividades.

O programa “Mocidade Activa” encádrase no “Proxecto de prevención de condutas aditivas” e está subvencionado pola Consellería de Sanidade.

Mocidade Activa ten como finalidade “favorecer a cohesión social do grupo mediante os obradoiros nos que se reflexiona e sensibiliza sobre as adicións con sustancias ou comportamentais, por medio de actividades e creando espazos de experimentación, de libre expresión e de creatividade propia, sen esquecer nunca a diversión”.

Para máis información cómpre dirixirse ao Centro Municipal de Servizos Sociais (Avda.do Mar, Bloque 1, Baixo – San Valentín). Teléfonos: 981.492.706 / 981 342607. Caixa electrónica: servizos.sociais@fene.gal