Domingo 21 de Xaneiro de 2018

A Deputación da Coruña asume en solitario a reforma do entorno do Campo de Fútbol Municipal de Mugardos


A actuación prevista, de preto de 200.000 euros, inclúe a demolición e restitución dos peches, a construción de beirarrúas e a modificación dos accesos ante situacións de emerxencia

A Deputación da Coruña asumirá en solitario un novo proxecto no concello de Mugardos. Desta volta investirá 199.900,36 euros no acondicionamento do entorno do campo de fútbol municipal que permitirá adecuar os accesos e mellorar o peche das instalacións deportivas.

O titular provincial, Diego Calvo, formalizou esta mañá esta axuda a través da firma dun convenio de colaboración co alcalde, Xosé Fernández Barcia. Grazas ao acordo, asinado na casa do Concello, a Deputación asumirá o 100% do orzamento das obras.

Durante a súa visita ao municipio, o titular provincial destacou o compromiso da Deputación con todos os concellos da provincia. “A través deste tipo de proxectos melloramos a oferta de ocio e a calidade de vida dos veciños e veciñas dos distintos lugares da provincia”, declarou o presidente, e engadiu que “sempre é un motivo de orgullo poder axudar a realizar obras tan necesarias como esta, nun campo onde xogan 12 equipos e máis de cen rapaces”.

A actuación comprometida esta mañá en Mugardos contempla, entre outras obras, a demolición e restitución dos peches, o soterrado de todos os servizos urbanísticos e a execución de beirarrúas de loseta hidráulica e asfaltado na zona rodada.

Ademais, esta obra deixa preparados os accesos para calquera evacuación de emerxencia que sexa necesario levar a cabo no campo de fútbol.

O alcalde, pola súa banda, agradeceu o compromiso e o apoio que ten demostrado a Deputación nos últimos anos co Concello de Mugardos, algo que tamén salientaron responsables do equipo de fútbol Galicia de Mugardos, presentes no acto.

Plans e subvencións para todos os concellos
Con esta última achega, o investimento provincial no municipio de Mugardos nos últimos catro anos está preto dos dous millóns de euros grazas aos planes provinciais e as axudas concedidas ao concello.

Entre estas contribucións destaca o último dos plans creados polo goberno de Diego Calvo, o Plan de Aforro e Investimentos (PAI) co que os concellos poderán facer fronte á súa débeda e a novas infraestruturas. Neste caso, a Mugardos correspóndenlle 200.039.46 euros. En 2015 recibirá tamén 143.820,44 euros en relación co POS.