Venres 07 de Agosto de 2020

O Concello de Noia ofrecerá talleres para crianzas e actividades deportivas para toda a poboación durante o verán e de forma gratuíta


Os programas “Tardes divertidas” e “Noia actívase” terán lugar do 13 de xullo ao 4 de setembro
O Concello de Noia porá en marcha o vindeiro luns 13 de xullo dúas iniciativas gratuítas para ocupar gratuitamente as tardes de menores e adultos: “Tardes divertidas” e “Noia actívase”. Dous programas que terán lugar de luns a venres, entre o 13 de xullo e o 4 de setembro, tal e como presentou esta mañá Laura Salgado, concelleira de Xuventude.
Salgado García explica que “Tardes divertidas” é unha iniciativa “que vén a complementar os campamentos urbanos, que tamén dan comezo o vindeiro 13 de xullo. O que queremos é ofrecerlles ás familias un programa de conciliación para que os nenos e nenas poidan ocupar tamén as súas tardes”. O programa está dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos de idade e desenvolverase de luns a venres, en horario de 19:00 a 21:00 horas.
“Quixemos abrir o programa á participación do maior número de nenos posible e por iso vaise desenvolver tanto no casco urbano como nas parroquias”, sinala Laura Salgado. Así, o programa terá lugar nos locais sociais da Barquiña (os luns) e Barro (os mércores), así como na antiga escola do Obre (xoves) e no claustro do Concello de Noia (martes e venres). Para participar só é preciso chamar ao Concello ou simplemente achegarse ese mesmo día ao punto de encontro.
Noia actívase
Por outra banda, Laura Salgado presentou tamén “Noia actívase”, un programa de deporte na rúa para este verán de 2020 e que ofrece distintas modalidades: gap, pilates, zumba, zumba kis, body jump, body jump kids e mantemento, que serán impartidos por profesionais de recoñecido prestixio na localidade. A participación é tamén de balde, se ben non se esixirá inscrición previa. “Calquera pode chegar e participar. Serán actividades gratuítas e en espazos libres e amplos”, puntualiza a concelleira.
As sesións terán lugar en dous horarios: mañá (10:30 a 11:30 horas) e tarde (de 21:30 a 22:30 horas). Os luns haberá pilates na praza do Tapal pola mañá e Zumba Kids no Curro pola tarde. Os martes será a quenda da rumba na alameda e do bodyjump en Labarta. O mércores, a alameda volverá acoller pola mañá unha sesión de Bodyjump Kids, mientras que o xardín do paseo marítimo será o escenario da sesión de GAP. A semana pecharase con Zumba Kids na Labarta e Zumba no Curro o venres e cunha sesión matinal de Mantemento os domingos.
En ambos programas, o Concello de Noia obrigará aos participantes a cumprir coa obriga de levar máscara, manter a distancia interpersoal de seguridade, lavar as mans con frecuencia ou non compartir material, bebidas ou alimentos con outras persoas. No caso das actividades deportivas, haberá que lavar as mans con xel hidroalcohólico (posto a disposición das persoas usuarias) e cambiarse de calzado. Así mesmo, será obrigatorio levar a máscara durante a circulacións por espazos comúns, salvo que se poida manter a distancia de 1,5 metros.