Luns 03 de Agosto de 2020

O DOG publica a resolución de axudas para a promoción da igualdade que benefiarán q 76 concellos da provincia da Coruña cun investimento de 1,8M€


Serán 32 entidades locais as beneficiadas para a realización de programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar

O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a resolución da orde de axudas destinadas ás entidades locais galegas para a promoción da igualdade. Tres dos programas destas subvencións están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e inclúen o apoio a catro programas dirixidos ao fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; e ao funcionamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM).
A cuarta liña destinada a accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres enmarcase no desenvolvemento en Galicia das medidas ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
En total na provincia da Coruña investiranse 1,8 millóns de euros entre 76 concellos para levar a cabo os distintos programas e actuacións.
Para a realización de iniciativas que permiten fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través de medidas que aposten pola conciliación da vida persoal, laboral e familiar serán beneficiarias 32 entidades locais.
As axudas para a posta en marcha de promoción da igualdade e prevención de violencia de xénero chegarán a 23 entidades locais co obxectivo de que leven a cabo accións orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes, así como actuacións para loitar contra a explotación sexual.
Tamén os 29 Centros de Información á Muller (CIM), que agrupan a 53 concellos da provincia da Coruña recibirán apoio para atender a mulleres en situación de especial vulnerabilidade levada a cabo polas persoas profesionais destes centros. De feito, estas axudas financian a contratación para cubrir postos de traballo nos CIM de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Por último, para desenvolver as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres postas en marcha no marco do Pacto de Estado de Violencia de Xénero, contarán coa axuda desta orde 32 entidades locais as beneficiarias.