Domingo 25 de Outubro de 2020

O alcalde expresa a súa satisfacción pola presenza dos Reis en Compostela os días 24 e 25 de xullo


Unha vez confirmada oficialmente a presenza dos Reis en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de xullo, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mostrouse «moi contento» pola noticia. Neste sentido, lembrou que a petición «saíu da Alcaldía hai case dous meses, e a resposta chegounos hai máis dun mes, pero mantivemos a reserva nos termos que nos foi pedida».

«O importante é que a Casa Real estea en Santiago», indicou Sánchez Bugallo, feito que considera «motivo de orgullo para os composteláns, que expresa o compromiso coa cidade e co Real Padroado, tomando todo isto causa na ofrenda ao Apóstolo». Ademais, expresou o seu desexo de que «os actos 24 e 25 transcorran coa solemnidade e o brillo que corresponde e que todo vaia ben».

Segunda ofrenda
A deste 25 de xullo será a segunda vez que o Rei Felipe VI realice a Ofrenda ao Apóstolo, tras telo feito en 2014. O monarca acudirá a Santiago de Compostela na compaña da súa dona, a Raíña Letizia.

O Rei sucede na presentación da Ofrenda ao alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, quen oficiou de delegado rexio en 2019. Antes, os oferentes foran o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices (2018 e 2016) e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo (2017 e 2015). En 2014 fora o propio Felipe VI o encargado de realizar a Ofrenda.