Sábado 08 de Agosto de 2020

Deportes publica a convocatoria para os usos das instalacións deportivas municipais durante a vindeira tempada


A concellería abre o prazo para que se poidan preinscribir todos os clubs interesados co fin de acadar unha equidade e que tanto os equipos como as/os deportistas desta cidade poidan utilizar estes espazos de xeito gratuíto

A Concellaría de Deportes acaba de publicar na web do concello www.coruna.gal/deportes as bases para a adxudicación de usos das instalacións deportivas municipais na tempada 2020-2021 co fin de que os equipos e deportistas coruñesas/es dispoñan de horarios e poidan utilizar estes espazos de xeito gratuíto. O concello busca con esta nova normativa garantir a equidade, a diferenza doutros anos abre a convocatoria a todos os clubs interesados.

A publicación estaba prevista para o mes de abril pero atrasouse por mor da situación derivada da crise sanitaria.

Poderán solicitar o uso de instalacións deportivas municipais os seguintes suxeitos:
1. Entidades deportivas con sede social na cidade da Coruña definidas polo artigo 40 da Lei do deporte de Galicia: clubs deportivos, agrupacións deportivas escolares, seccións deportivas e federacións deportivas, todas elas sen ánimo de lucro. Terán prioridade á hora de realizar o repartimento aquelas entidades que non dispoñan dunha instalación para adestrar.

2. Deportistas individuais con licenza federativa empadroadas/os na cidade da Coruña que precisen as instalacións deportivas para realizar adestramentos.
Considérase deportista individual aquela persoa que practique unha modalidade deportiva de carácter individual e considérase deporte individual aquela modalidade deportiva que sexa practicada por un/unha ou dous/dúas deportistas como máximo en función do seu regulamento.
3. Sociedades anónimas deportivas con sede social na cidade da Coruña, sempre e cando non dispoñan dunha instalación para adestraren e realicen as súas competicións na cidade na mesma instalación en que solicitan o adestramento.
Terán prioridade no repartimento aquelas SAD que participen en ligas profesionais de ámbito nacional debido ao recoñecemento que iso implica para a cidade da Coruña.
4. Academias de formación que, aínda tendo ánimo de lucro, precisan unha instalación deportiva municipal dirixida ao adestramento deportivo do seu alumnado por non existiren na cidade da Coruña instalacións deportivas que conten coas condicións necesarias para ese tipo de adestramento.
Presentación de solicitudes e prazo
As entidades deberán formalizar unha única petición en que concretarán os horarios que se axusten ás súas necesidades, atendendo á modalidade deportiva que se poida practicar en cada instalación e ao horario ofertado nesta convocatoria de acordo co Anexo I.

Na solicitude deberá especificarse:
a. Instalación solicitada, que se identificará polos códigos indicados no anexo.
b. Frecuencia: enténdese por frecuencia os días da semana que son necesarios para realizar a actividade.
c. Franxa horaria semanal: enténdese por franxa horaria as horas en que a entidade estaría disposta a realizar a actividade. A indicación dunha franxa horaria non implica que se precisen todas as horas incluídas nela, pódense solicitar menos horas reais dentro dese horario.
d. Número de horas semanais: haberá que indicar o número de horas reais e totais precisas, dentro da franxa horaria sinalada. A Concellaría de Deportes, atendendo ao solicitado pola entidade, intentará asignar o número de horas dentro da franxa horaria indicada.
e. Categoría do equipo para o que se solicitan horas nesa franxa horaria. No caso de que solicite esa franxa horaria para todos os equipos deberán indicalo como “TODOS OS EQUIPOS”.

As solicitudes, que terán carácter de preinscrición, presentaranse nun prazo de 15 días naturais desde a súa presentación na páxina web municipal (www.coruna.gal/deportes). Nela, as/os demandantes atoparán o apartado correspondente á Convocatoria de usos das instalacións deportivas municipais,
onde deberán cubrir un formulario.
Os datos achegados terán que axustarse á realidade xa que poderán ser comprobados polo Servizo Municipal de Deportes tras lles requirir a documentación necesaria para facelo ás entidades e particulares.
As solicitudes presentadas fóra de prazo non se terán en conta para resolver esta convocatoria, pero poderán ser recollidas máis adiante no caso de quedar ocos libres ao longo do ano.

Deja un comentario