Mércores 23 de Setembro de 2020

O Concello recoñece o esforzo e traballo das rapazas e rapaces coruñeses coas mellores notas nas probas ABAU


Inés Rey animou ao alumnado a gozar da súa etapa universitaria

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu hoxe no salón de Plenos de María Pita as nove alumnas e alumnos coruñeses co mellor expediente nas probas ABAU co fin de recoñecer o seu esforzo e o seu traballo durante este curso marcado pola pandemia COVID-19. O alumnado, acompañado no acto por familiares e profesorado, recibiu un obsequio que lle foi entregado pola rexedora. Inés Rey lembroulles que serán a xeración que realizou a ABAU post pandemia, a que non puido finalizar os seus estudos de segundo de Bacharelato nunha situación normal, pero tamén “a xeración que saberá o que é pasar momentos difíciles e o necesario que é esforzarse, non só de maneira individual, senón tamén en grupo para asumir os retos que temos por diante”, dixo. “Seredes a xeración que poderedes contar que, a pesar da pandemia, do confinamento e dos falecidos, fomos capaces de saír xuntos, e seremos capaces de seguir traballando para saír desta crise que estamos a vivir”. Animoulles a seguir esforzándose e formarse e, como non, a gozar da súa etapa universitaria. E, por último, pediulles que, unha vez que finalicen os seus estudos, regresen á A Coruña, e traballen con todo o seu talento para a cidade.
Así, a alcaldesa sinalou a obrigación das administracións de fomentar e favorecer o talento para que despois redunde no beneficio da cidade e confía en que “o voso futuro estea na cidade”.

Tamén lles agradeceu ás nais e aos pais e ao profesorado o seu labor no éxito acadado polo alumnado, e quixo destacar de maneira especial o papel das mestras e dos mestres “aos que non hai que que esquecer”, finalizou.