Venres 07 de Agosto de 2020

Un total de 10 concellos da comarca do Barbanza benefícianse das axudas da Xunta para mellorar a oferta das súas Bibliotecas e Axencias de Lectura


O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución por un importe de 36.854 euros, que permitirá que estes centros se doten de novidades editoriais e completen as súas coleccións bibliográficas
Un total de 10 concellos da comarca do Barbanza beneficiaranse este ano das axudas que a Xunta de Galicia ten en marcha para mellorar as coleccións bibliográficas e dotar de novidades editoriais ás súas bibliotecas e axencias públicas de lectura municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, para o que o Goberno autonómico destina este ano 36.854 euros.
A primeira liña de axudas, que subvenciona a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico beneficiará a un total de 10 concellos e conta cunha dotación de 16.082 euros.
Con esta medida a Consellería de Cultura e Turismo pretende ofrecer aos usuarios estas novidades editoriais no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais.
Unha vez adxudicada a subvención en libros por un importe económico que se establece segundo os parámetros da poboación a que atende cada servizo bibliotecario público municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica na que incorporarán as novidades as editoriais que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editorial a cada entidade beneficiaria.
O segundo programa, dedicado á mellora das coleccións bibliográficas, ten como beneficiarios este ano un total de 10 concellos e as axudas alcanzan un importe total de 20.772 euros. Estas liñas de axudas enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por mellorar é incrementar a oferta e o servizo aos usuarios destes centros, actualizando as coleccións para que as bibliotecas planifiquen as adquisicións de novidades editoriais.

Deja un comentario