Sábado 08 de Agosto de 2020

O Concello de Lousame aproba inicialmente a primeira modificación puntual do seu PXOM


O Pleno lousamiá insta ao Goberno de España a non apropiarse dos recursos das entidades locais

O Pleno municipal de Lousame aprobou inicialmente, cos votos a favor de PP e BNG e a abstención do PSOE, a modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lousame, que fora aprobado definitivamente con data de 29 de decembro de 2004. “Trátase dunha modificación puntual, non esencial, despois de 16 anos nos que o PXOM foi moi útil, pero no que empezan a aparecer eivas”, explicou a alcaldesa Teresa Villaverde.
O voceiro socialista, Julio Paradela, xustificou a súa abstención en que “nos gustaría ter máis tempo para estudiar a modificación. Non somos técnicos e nos gustaría ter a opinión de algún técnico máis”. A alcaldesa respondeu que “se quere ter reunións cos técnicos non hai problema. Isto que facemos hoxe é só o primeiro paso, hai dous meses de exposición pública para presentar alegacións. O que queremos é intentar axilizar a cuestión porque leva varios meses demorada debido á pandemia da Covid”.
Así mesmo, Teresa Villaverde indicou que non convén atrasar o inicio da xestión desta modificación puntual xa que “prexudicaríamos a xente pendente de licenzas ou de subvencións e mesmo poríamos en perigo o futuro dalgunhas actuacións. Hai dous meses para alegacións e despois hai que requirir os informes pertinentes antes de volver a traelo ao pleno. Ten todas as garantías”. Un procedemento que non suporá a suspensión da concesión de licenzas no municipio.
Así mesmo, o Pleno tamén aprobou, nesta ocasión por unanimidade e sen debate, a modificación da Ordenanza Fiscal número 10 para adaptala á Lei de Contratos do Sector Público. “É algo que temos que actualizar e suporá unha redución á metade dos trámites do procedemento”, explicou Villaverde Pais. Así mesmo, informouse de que o período medio de pago do segundo trimestre de 2020 foi de 29,13 días, “axustado pero dentro do permitido”, puntualizou Villaverde Pais.
Superávit do Concello
Finalmente, o Pleno tamén aprobou unha moción do grupo municipal do PP, que aceptou dúas emendas do BNG, para instar ao Goberno de España a respectar a autonomía das entidades locais para a xestión dos recursos públicos e a non apropiarse dos mesmos. Unha moción que foi aprobada cos votos a favor de PP e BNG e co voto en contra do PSOE.
Teresa Villaverde explicou que “aos concellos pequenos e rurais, que somos a maioría en Galicia, custounos moito ter superávit. E iso permitiunos pagar facturas, facer fronte a investimentos e atender necesidades da veciñanza. Seguramente teñamos que traer unha modificación en breve para afrontar gastos especiais pola Covid-19 derivados da posta en marcha dos distintos servizos municipais, xa que hai que facer gastos para que se poidan prestar con todas as garantías sanitarias”.
O voceiro do PSOE criticou inicialmente que o grupo de Goberno trouxera a pleno unha moción xenérica, ao que a alcaldesa puntualizou que “é unha cuestión que nos afecta á vía de respiración, nos curta o aire e nos dá en toda a liña de flotación”. Pola contra, Julio Paradela asegurou que a medida proposta polo Goberno de Pedro Sánchez “é unha proposta xusta e realista” na que “o Goberno non se queda cos cartos, o que fai é que os Concellos poidan investir máis. Os Concellos poden transferir os seus remanentes e o Goberno lles devolve o 35% nos dous primeiros anos e o resto en 10 anos”. Neste sentido, lembrou que “a lexislación impide recorrer aos aforros libremente. O Goberno amplía o seu uso para que os Concellos non teñan que adoptar unha medida ilegal”.
O voceiro do BNG, Anxo Moledo, agradeceu a aceptación das emendas nacionalistas (informar da situación á Fegamp e pedir a eliminación da regra de gasto) e asegurou que“sería un delito deixar que os cartos marchen de aquí. Son aforros dos concellos e temos dereito a gastar o que fomos quen de aforrar”. Así, pediu “que non sexa outro quen decida en que gastar os nosos aforros, xa imos ter bastantes recortes despois do rescate europeo”.
A alcaldesa de Lousame pechou o debate asegurando que “as entidades locais debemos ter autonomía. Non se pode disfrazar a realidade. Somos maiores de idade para decidir en que gastar os fondos, sobre todo porque somos os Concellos os que coñecemos máis en profundidade cales son as necesidades dos nosos veciños e veciñas e en que hai que investir eses cartos”.

Deja un comentario