Luns 28 de Setembro de 2020

Concello e feirantes abordan a súa distribución por varios puntos da cidade para sobrelevar os efectos da pandemia


Unha vintena de feirantes concorreron á chamada do Concello co obxecto de organizar a súa distribución por diferentes puntos da cidade e materializar así unha iniciativa que ten por fin axudar a un colectivo especialmente prexudicado pola pandemia ao non poder celebrarse festexos populares.
Nunha reunión mantida no Auditorio Municipal e na que participaron no nome do goberno o alcalde, Manuel Ruiz, e a primeira tenente de alcalde, María Sampedro, os alí comparecentes estudaron as
distintas alternativas de ubicación existentes, que pasan polo paseo do Malecón, pola praza de España e polo parque García Bayón se ben esta última opción está supeditada ao inicio das obras de remodelación previstas entre este punto e o paseo das Carolinas.
Así mesmo, planteouse a posibilidade de que algún feirante se instale nalgunha outra parroquia do municipio, cuestión que en principio contaría co beneplácito do Executivo local.
Os representantes do goberno comprometéronse a presentar de inmediato unha proposta de ubicación, tendo en conta que a normativa autonómica limita a tipoloxía dos postos, podendo montar unicamente os dedicados a alimentación e aqueles xogos e atraccións nas que se poida garantir a distancia social e o cumprimento do resto de protocolos covid, incluíndo a desinfección dos elementos.