Luns 25 de Xaneiro de 2021

A nova concelleira de Noia toma posesión do seu cargo nun pleno extraordinario


O equipo de goberno municipal saca adiante un novo crédito para facer fronte a gastos en educación e sanidade derivados da pandemia da Covid-19

O Concello de Noia deu a benvida esta mañá nun pleno extraordinario á Ana Isabel García Álvarez, a nova edila do grupo municipal do Partido Popular. García Álvarez substitúe a Mariola López, que en xullo renunciaba a súa acta como concelleira por motivos familiares. Tras prometer o cargo, Santiago Freire, alcalde de Noia, expresou a súa satisfacción por esta nova incorporación, “deséxolle moita sorte á nosa compañeira. Estou seguro de que o seu traballo pola veciñanza de Noia será notable e visible por
todos”, destacou. A nova concelleira tomou posesión e prometeu o cargo ante toda a corporación local – excepción da concelleira socialista María Villaverde-.
Por outra banda, dada a incerteza na evolución da pandemia da Covid-19, aprobouse por unanimidade unha dotación orzamentaria de 60.000 euros para cubrir necesidades sociais derivadas da situación de emerxencia sanitaria, tanto no eido de educación coma no de sanidade. Servizos extraescolares coma o Plan Madruga e proxectos para subministrar produtos sanitarios e farmacéuticos poderán ser financiados con este crédito. O Alcalde de Noia sinalou que nos últimos meses “a demanda dos servizos sociais incrementouse considerablemente pola crise do coronavirus, polo que dende o executivo temos que dar resposta en base ao compromiso que mantemos de mellorar a vida da veciñanza de Noia”.
O equipo de goberno municipal conseguiu tamén sacar adiante os investimentos para instalar unha cabina video-finish nas instalacións deportivas municipais, para reparar e mellorar as beirarrúas da rúa Pontevedra, na esquina coa rúa Lugo ata rúa Perito Basilio, e para eliminar un vertido de augas
fecais no lugar río do Porto. En total estas tres actuacións requiren unha dotación económica de máis de 80.000 euros. Do mesmo xeito, modificouse o crédito para facer fronte a maior brevidade posible aos pagos a provedores.
Nesta sesión plenaria tamén se aprobou o expediente de modificación das bases orzamentarias por valor de 20.000 euros para subvencionar ao equipo de fútbol sala da localidade, un conxunto deportivo que contribúe notablemente á promoción da vila de Noia no territorio nacional. Con esta axuda o equipo poderá facer fronte aos gastos derivados do seu funcionamento.
Finalmente, na sesión plenaria desta mañá deuse luz verde ao calendario de festivos locais do ano 2021 para o Concello de Noia. De novo, ao igual que en 2020, o 16 de xullo –día do Carme- e o 24 de agosto –San Bartolomeu- serán días non laborables na localidade.