Domingo 07 de Marzo de 2021

O Concello de Lousame acomete importantes melloras no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro e pon en marcha o Lousame Concilia 2020/2021


Aglomerou o patio do alumnado de infantil, pintou a cociña e abriu unha porta no comedor para evitar contactos entre alumnos/as de distintos grupos de idade

O Concello de Lousame vén de acometer con fondos propios unha serie de importantes melloras no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro para axudar a adaptar as súas instalacións ás novas esixencias derivadas da Covid-19. Unhas actuacións que xa están rematadas, polo que están completamente listas para o inicio do curso escolar mañá xoves 10 de setembro.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “aglomeramos o patio diante do edificio de infantil, pintamos a cociña e abrimos unha nova porta no comedor, que da ao patio interior, para que así os nenos e nenas máis pequenos non teñan que cruzar pola zona onde están os máis maiores”.
Estas actuacións municipais chegan despois de que o ano pasado a Xunta de Galicia investira máis de 100.00 euros nunha serie de importantes actuacións como a construción dun patio cuberto, o cambio da cuberta do centro escolar ou a construción dun aula de usos múltiples.
Unhas actuacións complementadas daquela polo Concello de Lousame, que mesmo ampliou tamén a biblioteca escolar.
Cambio no Lousame Concilia
Así mesmo, mañá xoves porase en marcha unha nova edición do programa Lousame Concilia para o curso 2020/2021, que ofrece un servizo de canguraxe para nenos e nenas de 3 a 12 anos antes do inicio das clases. Este ano, debido aos protocolos da Covid-19, o servizo non se prestará nas instalacións do propio colexio, senón no pavillón municipal de deportes, emprazado a escasos metros do CPI, no mesmo horario: 7:45 a 9:00 horas.
A concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, explica que “contamos con 9 nenos e nenas anotados pero lembramos tamén que o servizo do Lousame Concilia está dispoñible para que as familias de Lousame poidan achegar ás súas crianzas en días soltos”. Para poder acceder puntualmente a este servizo é preciso contactar previamente no 616 345 812 para reservar a praza.
Este programa de conciliación familiar está organizado polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e e do Fondo Social Europeo.