Luns 28 de Setembro de 2020

Parte da historia de Moeche regresa ao castelo por un tempo


O Concello «tentará» que a cesión temporal se converta en permanente e que incluso se poidan exhibir máis obxectos gardados arestora no castelo de San Antón

O castelo de Moeche garda desde hoxe dentro dunha vitrina unha pequena parte da súa historia. E é que na sala de exposicións do Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas xa se poden ver algúns dos obxectos recuperados nas escavacións que se desenvolveron desde a década dos 90 do século pasado ata ben entrado o século presente. Son fragmentos de cerámica e louza acompañados de dúas moedas con máis de 500 anos de antigüidade. Pezas de grande valor histórico que nunca foran expostas ao público e que agora retornan á casa para seren exhibidas, como mínimo, durante os próximos dous meses. A exposición é unha cesión temporal dos fondos gardados no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, situado no Castelo de Santo Antón, aínda que o Concello non renuncia a que a mostra poida ser permanente.

O Concello interesouse xa ao principio do verán pola posibilidade de traer para Moeche algunhas das pezas custodiadas polo museo tralas campañas arqueolóxicas de 1991 e, sobre todo, a de 2002 que precedeu os traballos de rehabilitación do inmoble culminados en 2007. Ademais, en 1993 o obradoiro de emprego do Concello tamén sacou á luz un estilete con partes de ouro descuberto no fondo do pozo do castelo, a única peza ata hoxe que se expuña no Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas. «É case un tema de xustiza. Este castelo abriu ao público no 2007 e desde aquela non contou con ningunha exposición dos restos que se atoparon nas investigacións dos anos 90. O mellor desta colección podémolo ver nesta exposición», comenta o técnico de Turismo, Ramón Carballeira.

A colección instalada esta mañá polo propio Carballeira, pola técnica Ana García e pola concelleira de Cultura, Iria Couce, engádelle máis atractivo se cabe á sala do primeiro andar. Son seis pezas: anacos de dúas xerras, un fragmento dunha pequena ánfora e dúas moedas, unha de dous marabedís do Reino de Castela do século XV e outra dun ceití portugués da mesma época.

O técnico municipal destaca o valor das pezas cerámicas, que atenden pola súa feitura a distintas épocas: «Empezamos por unha xerra baixomedieval feita en cerámica ocre (ss. XV a XVII), do mellor que se encontrou no castelo. Logo imos subindo en calidade técnica coa xerra de cerámica gris ou cerámica moderna (ss. XVI a XVIII) ata chegar á louza, unha cerámica vernizada -situada no ámbito cronolóxico comprendido entre os séculos XVII e XIX- na que se fixo un traballo decorativo moi importante e con moitas semellanzas coa cerámica de Sargadelos, que bebe desta tipoloxía de cerámica. Tamén temos restos dunha anforeta de indias, cunha morfoloxía e unha tradición que conecta coa antigüidade, aínda que a súa proliferación se produciu co comercio entre a metrópole e as colonias de América. Usábanse para transportar aceites, viños e incluso especias», explica Ramón Carballeira, encargado de elaborar as descricións que acompañan todas as pezas.

E, compartindo espazo expositivo, as dúas moedas. Son pouco máis grandes ca un botón e o paso do tempo case lles borrou a cara e maila ceca. A peza de dous marabedís do Reino de Castela é de acuñación galega, xa que no seu reverso aparece un león rampante coroado co gravado dunha vieira, sinal inequívoco de que saíu da fábrica de moeda da Coruña nalgún momento entre 1431 e 1504. A moeda de un ceití é a máis antiga de todas cantas se atoparon no castelo -hai máis gardadas en Santo Antón- e acuñouse entre 1438 e 1481, etapa correspondente na súa maioría ao reinado de Afonso V de Portugal. Para Carballeira, ambas pezas numismáticas «véñennos moi ben para reflexar o conflito vivido en Galicia entre o poder castelán-leonés e o reino de Portugal».

Ata o 15 de novembro… ou quizáis máis tempo
A estadía destes obxectos vai ser, en principio, temporal. Trátase dunha cesión que requiriu autorizacións da Xunta, a fabricación dunha vitrina específica -da que se encargou un carpinteiro local- e tamén a subscrición dun seguro ante eventuais danos ou subtraccións que poidan sufrir as pezas.

A mostra permanecerá en Moeche até o 15 de novembro e pode visitarse nos períodos de apertura habituais da fortaleza, que manterá o horario de verán até mediados de outubro: de martes a venres de 11.30 a 13.30h. e de 16.30 a 19.30h., mentres que as fins de semana e festivos o horario de apertura amplíase de 11 a 14.00h. e de 16.30 a 20.00h.

As pezas son só unha pequena parte de todo o descuberto no castelo de Moeche desde 1991. «Estes restos, como todo o atopado no castelo, nunca foron expostos. Encóntrase no Museo Arqueolóxico Municipal do Concello da Coruña, onde se depositan a maioría de restos de escavacións arqueolóxicas da provincia para a súa correcta conservación. A súa colaboración foi moi estreita para poder traer a Moeche todo este material. Alí hai máis tipos de louza e máis tipos numismáticos distintos procedentes deste castelo -hai moeda de todos os reis portugueses do século XV e tamén dos Austrias españois- e gustaríanos poder xuntalos aquí algún día para contar cunha colección numismática galega», explica o técnico municipal de Turismo.

Segundo engade Ramón Carballeira, a intención municipal é «tentar que polo menos unha parte do que temos aquí quede de forma permanente», aínda que para iso fará falla contar coa colaboración do Museo Arqueolóxico e, ademais, tramitar «a fundación desde cero dunha colección visitable», tal e como se recolle na Lei de Patrimonio cultural de Galicia. «Iso conleva unha serie de trámites máis longos, pero imos tentalo», conclúe Carballeira.

Deja un comentario