Xoves 29 de Outubro de 2020

O Concello da Pobra investigou os episodios das verteduras de augas fecais nos Areos e nos Raposiños


Dende 2008 a Consellaría da Sanidade realiza o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño en
Galicia nas augas de baño marítimas da costa galega e algunha de baño fluviais, a través do cal se efectúan mostraxes para coñece-la calidade das augas e avalia-la súa evolución no tempo, tal e como esixen a normativa europea e nacional. A dita campaña abrangue o período entre o 1 de xuño e o 30 de
setembro, pero neste ano, por causa da situación xerada por mor da COVID-19, comezou no 8 de xuño e rematará no 10 de outubro. Neste espazo temporal, as mostraxes realízanse cunha frecuencia rutineira quincenais. No caso de que os resultados dalgunha supere os valores permitidos, tómase unha nova mostra pasados 2 días, coa intención de avaliar se o episodio de contaminación continua ou desapareceu. Concretamente, na Pobra do Caramiñal practícanse mostraxes en 6 areais: Os Raposiños, Os Areos, A Corna, A Lombiña, A Illa e A Barca. Neste verán, detectáronse no municipio dous casos de contaminación microbiolóxica na auga de baño: Enterococos nos Areos, en xullo, e Escherichia coli nos Raposiños, en agosto. En ámbalos casos, tal e como explicou a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo, despois de que o Concello recibise as notificacións por parte da Consellaría da Sanidade e de que se implantase o protocolo para seguir por parte da Administración local, recibiuse a comunicación de que as contraanálises practicadas reflectían uns datos nos cales os niveis xa volvían se-los habituais sen supoñer ningún perigo para a saúde das e dos bañistas. Desta maneira, resultaron ser uns feitos puntuais
producidos pola vertedura de augas fecais.

A técnica do Medio Ambiente, Beatriz González, expuxo que o Concello procedeu a investiga-la orixe das referidas verteduras: primeiramente, unha inspección efectuada por persoal municipal na área afectada no mesmo día de recibi-la notificación e, máis tarde, un segundo control xunto con persoal de Augas de Galicia. Deste xeito, buscouse a posible orixe, tanto na praia dos Raposiños coma na dos Areos, e revisáronse durante o proceso pozos de bombeo e o emisario dende a depuradora; contactouse tamén coas persoas responsables da depuradora e falouse coa concesionaria de saneamento e abastecemento, sen se detectar ningunha deficiencia. Polo tanto, esta información tradúcese en que toda a infraestrutura municipal funciona correctamente. Neste senso, sinalou que «busca-la orixe non é algo inmediato,
porque primeiro é cando se descarta e, despois, é cando se empeza a especular, pero ata que hai cuestións concretas non se pode asegurar.»En consecuencia, indicou que non se dispón de probas sólidas que sosteñan cal foi a causa, mais «si que hai un esforzo en tempo e recursos para indagar cal foi a
causa e que non se repita.»
Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, fixo un chamamento para tranquiliza-la poboación, xa que afirmou que «as augas das nosas praias seguen sendo de calidade excelente e non deben de preocuparse en absoluto a día de hoxe». Insistiu en que «o funcionamento da rede de saneamento foi a correcta,
tódolos pozos de bombeo non deron alivio, polo que as competencias do Concello están cubertas, e estámolas levando a cabo.» Iso si, declarou que procurarán que a Consellaría da Sanidade facilite os resultados das análises cunha maior prontitude, ademais de explicar que estes episodios xa se produciron dúas veces con anterioridade, nos Areos en 2011 e en 2014, sen volver producirse a situación ata este mesmo ano. Así mesmo, apuntou que dende a Administración local continúan eliminando puntos de vertedura tales como o do río Telleiro á altura da rúa San Roque, o que había no Conchido en
relación coa fosa séptica que se clausurou e recentemente suprimiuse o de punta Toxal, na Ribeiriña. Tamén dixo que xa están en vías de arranxar unha do Conchido.
Cómpre lembrar que o cómputo total das análises realizadas propicia que a cualificación das augas de baño sexa «Excelente». Todos estes datos son públicos e poden ser consultados a través da páxina web da Consellaría da Sanidade, dentro do apartado da Sanidade Ambiental.