Mércores 27 de Xaneiro de 2021

O Concello traballa para dar resposta ás solicitudes esporádicas de uso do comedor escolar


O Departamento de Educación segue a traballar, conxuntamento coa empresa que xestiona o servizo, e coas direccións dos centros educativos, para atender todas as demandas de comedor escolar, tendo en conta as limitacións establecidas pola instrución da Xunta e priorizando a seguridade dos nenos e nenas. Así o indicou o alcalde esta mañá en rolda de prensa, trala xuntanza que mantivo no CERSIA cos equipos directivos dos CEIPs da cidade.

Inicialmente, o departamento deu saída ás solicitudes máis urxentes: as das familias con menos recursos (os solicitantes de bolsa de comedor) e as de aquelas con problemas de conciliación. Unha vez encamiñadas estas cuestións, os esforzos céntranse agora en atender e dar resposta a cada unhas das solicitudes con características particulares.

En concreto, para o que se está agora buscando solución é para os solicitantes esporádicos, é dicir, aqueles nenos e nenas que van facer uso do comedor de xeito puntual. O problema radica en que, tal e como se establece nas normas da Xunta, cada neno ten que usar sempre o memos sitio no comedor, o que dificulta buscar ubicación para estas solicitudes non permantes. Cómpre ter en conta, ademais, que é cada centro quen determina o espazo que cede para este uso, xa que en ningún dos colexios cuxa xestión do servizo corresponde ao Concello hai comedor como tal, e que non é posible compatibilizar este uso co lectivo nunha mesma aula. A estes problemas de espazo súmase a necesidade de manter os chamados grupos burbulla, que impide o contacto no comedor entre alumnos e alumnas que non formen parte do mesmo.

«Esta casuística particular fai difícil o encaixe», sinalou Sánchez Bugallo, que indicou que é probable que haxa que facer cambios ante o novo protocolo de comedores que «previsiblemente publique a Xunta esta fin de semana». Non obstante o alcalde fixo fincapé en que se está «atendendo a demanda global e os casos particulares temos que estudalos un a un».

Normalidade no funcionamento
O servizo de comedor e madrugadores, que entrou en funcionamento o pasado día 10 de setembro, está a funcionar con normalidade en todos aqueles centros nos que o servizo é de xestión municipal. A ocupación neste mes de setembro aínda non é do 100%, como soe ser habitual no inicio do curso. O alcalde espera que na primeira semana de outubro a situación «quede normalizada» por completo, tendo en conta que agora mesmo un 30% das familias aínda non decidiu se vai empregar ou non o comedor. Polo de agora, «500 familias están sendo atendidas» cada día.

«Quero facer de novo un recoñecemento aos directores e ao conxunto do profesorado polo esforzo inxente que están facendo» para que o curso se desenvolva sen problemas. O rexedor indicou ademais que «os servizos que dependen do Concello» están a funcionar, tanto a limpeza como os mencionados comedores e o programa de madrugadores.

Vendedoras da praza de Abastos
O alcalde de Santiago referiuse á situación das vendedoras de produtos de proximidade na praza de Abastos: «a limitación do aforo vén dunha normativa da Xunta» que o Concello «ten que cumprir» obrigatoriamente. Non obstante, «desde o Concello tratamos de buscar acubillo para que estas limitación ocasionen os menores danos posibles». Sánchez Bugallo lembrou que «o Concello é a administración tutelar, pero a xestión correspóndelle á cooperativa».
Sinalou o rexedor que «somos sensibles» aos problemas que se derivan das limitacións dos aforos, tamén no sector da Hostalería, pero «pido a todos colaboración, serenidade e prudencia» porque, aínda que os datos en Santiago experimentan unha «certa estabilidade no número total de casos», «isto non rematou e está lonxe de rematar».

Vixilancia policial
A semana que vén comeza o curso en secundaria e en FP, onde «os alumnos teñen máis mobilidade», polo que o alcalde fai un chamamento á colaboración de toda a cidadanía. Tamén dos universitarios no inicio do curso: «non é posible fiar nos corpos e forzas de seguridade toda a responsabilidade». Malia isto, a policía local está a controlar tanto a celebración de botellóns como as festas en pisos. Desde xullo xa se puxeron 115 denuncias por este último motivo, «entre un 10 e un 15% máis que o ano pasado por estas datas».