Mércores 25 de Novembro de 2020

Pablo Lago toma posesión como alcalde anunciando que “o meu mandato seguirá o camiño marcado por José Luís García: mellorar a calidade de vida da xente de Brión”


Mari Carmen Touceda toma posesión da súa acta de concelleira
O socialista Pablo Lago Sanmartín foi elixido hoxe alcalde polo Pleno municipal como alcalde de Brión, o segundo que coñece o municipio despois dos 41 anos de goberno do seu predecesor, José Luís García, quen renunciou ao cargo o pasado 3 de setembro por motivos persoais. Pablo Lago tomou posesión como alcalde grazas aos 7 votos do grupo municipal socialista e as 5 abstencións dos grupos municipais do PP e do BNG.
Nunha actitude moi elegante e recoñecida polo propio alcalde, tanto PP como BNG renunciaron a presentar a súa candidatura nin tampouco fixeron uso da palabra, cedéndolle todo o protagonismo ao novo primeiro edil de Brión. Tras recibir o bastón de mando da man da concelleira de maior idade, a socialista Rosa Romero, Pablo Lago fixo un breve discurso de agradecemento ao seu predecesor, José Luís García, aos distintos grupos municipais e aos traballadores e traballadoras do Concello.
Pablo Lago comezou dándolle as grazas José Luís García, “a quen teño a honra de suceder neste posto. Notade que digo suceder e non substituír, xa que penso que o traballo que fixo José Luís por Brión e polos seus veciños e veciñas durante os últimos 41 anos é insubstituíble e non ten comparación posible”. Neste sentido, comprometeuse a “poñer todo o meu esforzo e traballo polo ben de toda a xente de Brión. Unha tarefa na que sei que seguirei contando coa túa experiencia e colaboración”.
Oferta de diálogo
Acto seguido, tendeu a man a todos os grupos municipais: “eu quero ser o alcalde de todos e cada un dos veciños e veciñas de Brión. Dos que nos deron o seu apoio nas últimas eleccións, pero tamén dos que se decantaron por outra lista ou que non foron votar. Por iso, dende hoxe mesmo fago un sincero chamamento ao diálogo a todos os grupos municipais para seguir traballando polo ben de Brión”.
Lago Sanmartín agradeceu “o bo talante e a colaboración” que “tanto o BNG como o Partido Popular tendes amosado en moitas ocasións. Este equipo de Goberno seguirá aberto ao diálogo e, tamén hai que dicilo, á crítica construtiva. É o tempo de sumar, non de restar. E creo que consensos como os que temos logrado, son o exemplo a seguir”.
Así mesmo, destacou o apoio dos concelleiros e concelleiras do PSOE porque “sen vós sería imposible sacar isto adiante. Sei que sodes xente honrada, preparada, traballadora e, por riba de todo, boas persoas. Coñezo a vosa implicación e as vosas gañas de traballar por esta terra. Conto con todos e cada un de vós. Xuntos seguiremos facendo moitas cousas boas pola veciñanza de Brión”.
Finalmente, Lago Sanmartín dirixiuse aos traballadores e traballadoras do Concello. “Son consciente de que conto cun fantástico grupo de profesionais, que tendes demostrado o voso compromiso con Brión en moitas ocasións. Pero o que fixestes polos veciños e veciñas durante estes meses de confinamento e desescalada é digno de aplaudir. Foi un exemplo de esforzo, traballo e entrega para conseguir que ningunha familia de Brión puidera quedar desatendida. Por iso, no seu nome, grazas”, apuntou.
Foi entón cando tivo lugar o momento máis emotivo da xornada, cando o alcalde agradeceu o apoio amosado pola súa familia, pois na sesión estiveron presentes, entre outros familiares, a súa parella e os seus pai e nai. Entre bágoas, Lago Sanmartín apuntou: “Asumo este cargo coa maior das responsabilidades e coa ilusión de facelo o mellor posible. Espero estar á altura do magnífico traballo realizado por Luís ao longo dos últimos 41 anos. O meu mandato seguirá o camiño que el deixou marcado: mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Brión. E para conseguilo, espero contar coa colaboración de todos e cada un de vós”.
Nova concelleira
Previamente, o pleno municipal aprobou a acta da sesión anterior e procedeu á toma de posesión da nova concelleira do grupo municipal socialista, Mari Carmen Touceda, quen substitúe a José Luís García.