Xoves 29 de Outubro de 2020

O pleno de San Sadurniño ratifica a RPT do Concello só cos votos favorables do grupo de goberno


O pleno ordinario do mes de setembro volveunos ás sesións de debate intenso no seo da corporación municipal tras varias sesións en que as propia situación sanitaria e o feito de que parte delas fosen telemáticas provocou que, malia haber igualmente controversia dialéctica, os puntos se abordasen con máis rapidez. Hai que remontarse ao primeiro pleno do ano, o do 30 de xaneiro, -e desde aquela van seis- para atopar unha sesión máis longa, coa salvedade de que naquel momento se trataron dez asuntos mentres que na cita de onte, que durou unha hora e tres cuartos, na orde do día só ían cinco. A extensión do pleno debeuse ao abondoso debate ao redor da Relación de Postos de Traballo do Concello -aprobada só cos votos favorables do BNG-, pero tamén ás mocións urxentes presentadas polo PSOE e o BNG demandando un cambio de rumbo por parte da Xunta de Galicia ao respecto da xestión da pandemia no ensino. Houbo tamén discusión no apartado de preguntas e o único momento en que coincidiron os tres grupos foi no do apoio institucional ás demandas das traballadoras e traballadores da planta de Siemens-Gamesa nas Somozas.

O documento da Relación de Postos de Traballo do Concello de San Sadurniño chegou ao pleno como trámite necesario antes da súa exposición pública e aprobación definitiva, coas miras postas en que estea en vigor o 1 de xaneiro de 2021. O seu contido foi aprobado «por unha ampla maioría» do persoal municipal e ratificado pola Mesa de Negociación conformada por representantes do goberno municipal, do funcionariado e do persoal laboral.

A portavoz do BNG, Mari Carme Muíño, fixo unha breve introdución describindo como se xestara a RPT, co obxectivo de «adaptala ás necesidades do Concello» e «corrixir desigualdades» que se viñan producindo na valoración dos distintos postos de traballo. Unhas correccións que, segundo asegurou a concelleira, «serán beneficiosas para todos os traballadores e traballadoras». Muíño mencionou, ademais, que a RPT «dignifica» o traballo que desenvolve o Servizo de Axuda no Fogar, a cuxas empregadas se lle mellorarán as condicións.

Unha vez que houbo acordo entre as partes sobre a relación de postos cabería agardar que na sesión se lle dese para adiante por unanimidade, pero non foi así. O representante do PSOE, Lois Anxo Rodríguez, anunciou que ía absterse na votación apuntando como motivos que entre o cadro de persoal o apoio «non foi unánime» e que o documento «podería ser mellorable». Tamén xustificou a súa abstención en que «non foi atendida» a petición do seu grupo de asistir ao proceso negociador e tamén nas «precisións» que constan no informe da Secretaría-Intervención municipal sobre o documento.

Secundino García explicoulle ao edil socialista que «é imposible» que un acordo coma o dunha RPT «sexa satisfactorio para todos, é lexítimo que haxa traballadores aos que non lles guste», dixo o alcalde, ao tempo que defendeu a importancia do texto como ferramenta que define postos que non estaban recollidos na anterior relación, a de 2009, e o feito de que para calcular os complementos específicos retributivos agora se utilice un valor de referencia que é igual para todo o cadro de persoal.

O PP foi máis directo nas críticas ao documento. Entre outras, María Belén Trigo asegurou que na Relación de Postos de Traballo «se saca un posto de funcionario como é o de arquitecta e desaparecen dúas prazas do SAF, un despropósito». Tamén dixo que «non se garante» que o persoal eventual poida conservar os seus postos «porque teñen que ir a un concurso-oposición ao que pode presentarse máis xente». Outro dos argumentos do PP para sustentar o seu voto contrario ao acordo foi o de que «non hai crédito neste momento» para que o Concello poida aplicalo.

Secundino García rebatiu unha por unha as afirmacións da concelleira popular, non sen antes espetarlle a Trigo Meizoso que «hai que estudar un pouco: primeiro saber o que é unha RPT e despois saber interpretar un informe da secretaría, que pode ser desfavorable e non por iso o asunto é ilegal». «Non desaparece ningunha praza de funcionaria arquitecta e non hai ningún problema co SAF» dixo o alcalde, engadindo que a RPT entrará en vigor en 2021 e que, polo tanto, non lle inflúen os créditos do actual orzamento, prorrogado desde 2019. Secundino García apuntou a este respecto que «posiblemente» os custes de aplicación da nova relación de postos «non sexan maiores que os actuais».

Porén, o alcalde extendeuse na súa contrarréplica para corrixir especialmente as afirmacións do Partido Popular con respecto ás traballadoras da Axuda no Fogar. García acusou á concelleira de «mentir intencionadamente» e aclaroulle que «non se van prestar menos horas no SAF, nin moito menos, senón que se lles van mellorar substancialmente as condicións de traballo e as retribucións económicas dunhas persoas que son claves na organización muncipal», sentenzou o alcalde para, posteriormente engadir que, en termos xerais, «os que máis cobran non van perder ningún dereito e, os que menos cobran, van mellorar». O alcalde acusou ao Partido Popular de «votar en contra de que os traballadores melloren a súa situación».

Finalmente, a RPT saiu adiante con seis votos a favor do BNG, a abstención do único representante do PSOE e os votos contrarios do PP.

Mocións
No transcurso do pleno tamén se tratou o apoio ao cadro de persoal de Siemens-Gamesa na súa reivindicación de carga de traballo máis aló do mes de decembro e a prol do mantemento da produción nas Somozas que, segundo o Comité de Empresa, está ameazada ameazada por unha posible deslocalización de investimentos e da actividade cara á factoría adquirida recentemente pola multinacional na localidade portuguesa de Vagos. A moción aprobouse por unanimidade como declaración institucional na que o Concello «fai súas as demandas do plantel da empresa» co obxectivo de que se fagan «os investimentos precisos para garantir a viabilidade do centro e o mantemento dos postos de traballo». O texto tamén demanda «a implicación da Xunta de do Estado» para asegurar «a continuidade desta fábrica no concello das Somozas».

A moción ía recollida na orde do día do pleno. Porén, no transcurso da sesión incorporáronse outras dúas pola vía de urxencia presentadas polo PSOE e polo BNG, en ambos casos relativas á xestión da pandemia no ensino por parte da Xunta.

Lois Anxo Rodríguez presentou a súa argumentación criticando que os sobrecustes económicos das limpezas e desinfeccións nos colexios se lle estean cargando aos concellos en vez de ser asumidos pola Xunta «como é a súa competencia», tendo en conta ademais que o Estado transferiu 92 millóns de euros para Educación «que Feijoo quixo desviar a outros fins». Neste sentido, o texto presentado polo PSOE insta á Xunta de Galicia a «destinar os fondos necesarios para que as entidades locais non sufran o sobrecuste da limpeza e desinfección dos centros». Tamén esixe do Goberno Galego «que cumpra coas súas obrigas e responsabilidades no ámbito sanitario e educativo e que, se delega esas competencias, que vaian acompañadas da correspondente consignación orzamentaria.

O BNG expresou o seu acordo coas teses socialistas, pero engadiu máis argumentos, xa que, segundo Mari Carme Muíño, «a cuestión máis ampla que as desinfeccións». Citou problemas como o da falla de conectividade e formación para impartir as clases a distancia e «que se ateiguen aulas», co engadido dunha maior dificultade para atender «o alumnado con necesidades especiais». A concelleira lamentou que a Xunta non se fixese «unha reorganización dos centros» para garantir o distanciamento interpersoal e que non haxa «máis investimento en educación», ademais de sumarse ao rexeitamento xeral da comunidade educativa «dun protocolo que lles traslada aos centros e aos docentes a xestión (das medidas preventivas)».

A moción pide «que se garanta a distancia de seguridade de metro e medio», que se acometan desdobramentos onde non sexa posible manter a separación e que eses desdobramentos vaian acompañados da contratación de máis profesorado. Tamén se insta á Consellería de Educación a que lle solicite aos concellos «a cesión de espazos dispoñibles» e, no caso concreto de San Sadurniño, que lle amplíe o contrato da empresa que limpa e desinfecta o centro escolar. Na relación de peticións tamén se inclúe a de que a Xunta asuma o sobrecuste de desinfectar o pavillón municipal durante o horario lectivo, soportado neste momento polo Concello.

Tal e como explicou o alcalde na sesión, a Xunta ten contratados os servizos de tres persoas para os dous edificios escolares, dúas con contrato de 6 horas e unha con contrato de 4 horas. Son as mesmas que o ano pasado, só que unha das traballadoras foi trasladada á quenda de mañá para encargarse das desinfeccións durante o horario lectivo tanto nas instalacións de Primaria como de Secundaria. «A Xunta gasta o mesmo que estaba gastando», dixo Secundino García.

O PP dixo que nas mocións do PSOE e BNG «hai moitas cousas nas que tedes razón» e expuxo as demandas que no seu día se lle trasladaran á conselleira Carme Pomar demandando máis limpezas. A continuación o grupo popular descargou no goberno central a tardanza en dispor dun protocolo sanitario para o ensino -a pesar de que a Xunta xa tiña un desde comezos do verán- e apuntou que o executivo galego se limitou «a transcribir» o apartado relativo ás limpezas.

Nunha nova rolda de intervencións, o concelleiro do PSOE acusou ao goberno galego de ter «abandonado» o ensino e o BNG denunciou que os colexios «non teñen máis recursos e deben gastar os deles» para se adaptar á nova situación. As dúas mocións votáronse por separado e en ambos casos co mesmo resultado: BNG e PSOE a favor e PP abstención.

Preguntas
A última media hora do pleno estivo ocupada polas preguntas, todas elas formuladas polo grupo popular. Centráronse nunha suposta débeda coa Seguridade Social referida á liquidación do funcionario sancionado por unha falta moi grave. O PP tamén se interesou porque se lle dea acceso ao público a unha edición recopilatoria da obra gráfica de Castelao adquirida polo Concello e inquiriu ao executivo local sobre unha inserción publicitaria nunha publicación da Fundación Galiza Sempre.

Por outra banda, a portavoz do PP preguntou por varios documentos solicitados «hai máis dun mes» que aínda non lle terían sido remitidos, a pesar de que, tal e como aclarou Secundino García, desde a alcaldía si se lle cursou orde aos servizos administrativos para que a solicitude fose atendida.

Nos minutos finais do pleno o PP preguntou de quen era competencia a limpeza de edificios municipais e se o Concello tiña previsto convocar axudas «coma outros concellos» para empresas. Á primeira o alcalde respostoulle que a competencia da limpeza das instalacións municipais «é municipal» e, con respecto á segunda cuestión, o alcalde avanzou que estaba previsto acollerse ás liñas da Deputación da Coruña para abrir unha convocatoria dirixida a colaborar co tecido produtivo local.

Esther Díaz tamén tomou a palabra criticando que o alcalde tivese a mascarilla mal posta en certos momentos e que a tocase en varias ocasións para recolocala, aproveitando para deslizar o comentario de que entre o equipo de goberno houbera un positivo de COVID-19. Unha alusión «fóra de lugar» que para Secundino García non tiña «nada que ver» coa cuestión da súa mascarilla. Días Vergara volveu preguntar polo prezo do libro de Castelao do que se falara minutos antes e preguntoulle ao alcalde se era o autor dun whatsapp «colgado nun grupo de whatsapp que ten a ANPA». A concelleira do PP non mencionou en ningún momento nin o contido da suposta mensaxe nin tampouco a razón de expoñer a pregunta no pleno.