Xoves 29 de Outubro de 2020

Aínda quedan entradas para o concerto “De navallas e cumbias” de O sonoro maxín


A Concellería de Cultura informa de que aínda quedan algunhas entradas dispoñibles para asistir ao concerto que o grupo O sonoro maxín ofrecerá este sábado ás 22 horasen Fene, no marco do ciclo Cultura no Camiño. A actuación terá lugar na praza do alcalde Ramón José Souto González (Praza do Concello) baixo carpa. As entradas son de balde e poderán adquirirse a través da páxina de Ataquilla.com

(https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/praza-do-concello-de- fene/11660–o-sonoro-maxin-co-seu-novo-traballo-de-navallas-e-cumbias.html) até as 20.00 horas deste sábado ou até completar aforo (146 localidades). Lémbrase ademais que cada persoa só pode reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao mesmo.
As persoas que asistan este sábado ao concerto de O sonoro maxín poderán acceder ao recinto a partir das nove da noite. Dende a organización recoméndase presentarse no punto de control de acceso con tempo suficiente de antelación xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo do espectáculo. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Por outro lado, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso aos recintos.
O Sonoro Maxín naceu no verán de 2007 a partir do reencontro de vellos amigos e coñecidos da música galega que formaban parte de proxectos diferentes como Lamatumbá, Cinnamon Gum, Mutenrohi e ThePigmalions. Estreáronse en Ourense, a súa cidade natal, o 20 de decembro daquel ano. A partir dese debut, percorreron durante os seguintes anos toda a xeografía galega con máis de 150 concertos nos que
compartiron escenario con músicos como Manu Chao & Radio Bemba Sound System, Shantel& Bucovina Club Orkestra, Los Delinqüentes ou Tonino Carotone.

No seu último espectáculo, De navallas e cumbias, O Sonoro Maxín “comeza como unha tarazana, un camiño de ida e volta para compartir, a través da súa música, os momentos e os lugares nos que naceu, creceu e amou. Reclamando un espazo para poder bailar mellor. Reivindicando a música como unha arma de construción masiva. A pedra está amolando as nosas cancións, deixándoas ben xeitosas para partir polo medio a intolerancia que nos está a invadir”.
Cultura no camiño é un ciclo promovido pola AGADIC co patrocinio de Gadis, Marca Galicia, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Fene.